Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta brinda a súa total colaboración para aprobar en xaneiro o plan de dinamización da área Rexurbe de Mondoñedo

 Mondoñedo, 16 de decembro de 2020.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, trasladou esta mañá a súa total colaboración para poder aprobar no vindeiro mes de xaneiro o Plan de dinamización da Área Rexurbe de Mondoñedo. Así o avanzou no transcurso da visita á Area Rexurbe do Concello, a primeira que se declarou en Galicia ao abeiro da Lei de rehabilitación, polo que a aprobación deste plan de dinamización tamén se converterá no primeiro que se aprobe.

A conselleira de Medio Ambiente indicou que na actualidade xa se teñen solicitado a todas as consellerías o informe no que deben pronunciarse sobre os programas e actuacións da súa competencia que poden aplicarse, así como valorar a viabilidade técnica das propostas recollidas no Plan de dinamización de Mondoñedo.

Unha vez que o Consello da Xunta dea o visto e prace poderán iniciarse as actuacións que revitalizarán este ámbito de case 4,5 Km2 -que abrangue o conxunto histórico e a zona dos Remedios e da rúa Álvaro Cunqueiro- dende un punto de vista non só arquitectónico, senón tamén desde a perspectiva ambiental, económica, social e cultural.

Recordou que Mondoñedo é un exemplo de concello comprometido coa recuperación e a conservación do patrimonio construído, tal e como se pon de manifesto coa recuperación dos inmobles na rúa Muíños (nos números 26 e 28) e que continuará coa rehabilitación do número 24 desta mesma rúa; ou ao abeiro do Programa Rexurbe, a través do cal se fixo unha oferta pública en 2020 para a adquisición de inmobles, resultando 13 ofertas, e sobre os que hai un acordo pechado entre o IGVS e os propietarios.

Segundo explicou Ángeles Vázquez, tanto a Área Rexurbe como o Programa Rexurbe, complementarán o traballo que se vén realizando a través da ARI dos Camiños, na que está integrada Mondoñedo, ou da Área de Rehabilitación Integral declarada no Concello, á que ao longo destes anos se destinou un orzamento que ascende a 2,8 millóns de euros.

Nese sentido, invitou aos veciños de Mondoñedo a beneficiarse do orzamento dispoñible para executar actuacións de rehabilitación nesta ARI e que se eleva a máis de 820.000 euros, tendo en conta os importes pendentes de consignar de convocatorias anteriores, máis o importe concedido ao abeiro da convocatoria do ano 2020.

A conselleira indicou que a Xunta sempre estará ao lado dos concellos e dos cidadáns que se sumen ao fomento da cultura da rehabilitación e de loita contra o abandono edificatorio, xa que é unha ferramenta para revitalizar as vilas e cidades galegas.

Exit mobile version