Compostela, 3 de decembro de 2020. A Mesa pola Normalización Lingüística amosouse hoxe esperanzada após o rexistro, cun apoio amplo, dunha Proposición non de lei (PNL) para garantir o uso da lingua propia a toda a cidadanía. A iniciativa, que recolle o sinalado no manifesto Liberdade, igualdade, democracia presentado polas entidades sociais de defensa da lingua o pasado febreiro no Congreso español, foi rexistrada coa sinatura de BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos.
Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “este é un paso pequeno mais de grande relevancia para que o Estado comece a tratar con igualdade a toda a cidadanía, para podermos vivir nas nosas linguas coa mesma facilidade, coa mesma dificuldade, que un cidadán de Madrid en castelán”. Se esta PNL for finalmente aprobada, Maceira espera que teña consecuencias prácticas para que en troques de “especial respecto e protección” haxa o mesmo tratamento, a todos os niveis, nos distintos territorios. “Nen máis nen menos”, sentencia, “porque o racismo lingüístico non pode ter o amparo do BOE”.
Esta iniciativa partiu do manifesto Liberdade, igualdade e democracia, elaborado polas entidades sociais de defensa das linguas do conxunto do Estado froito dunha reflexión conxunta derivada da necesidade de pór enriba da mesa compromisos políticos concretos que, fronte ás ameazas, servisen para dar seguridade, garantías e pleno recoñecemento no Estado a todas as linguas proprias. “Fronte ás ameazas”, asegura Maceira, “debemos afirmar que ningún grupo humano é superior a outro por nengunha razón, tamén non o é por razón de lingua e que é o Estado quen se debe adaptar a esta realidade e non ao revés, modificando todo o que for preciso para atender a este feito”.
Segundo o presidente da Mesa “un Estado debe ser excluínte con todas as discriminacións sexa cal for a súa razón, tamén a lingüística”, polo que “se de verdade se quixeren avances na democracia e no recoñecemento de dereitos humanos débese sinalar a diferenza con eses partidos que atacan a pluralidade e a diferenza en todas as súas formas, tamén na lingüística”. Por isto, asegura, “é tan importante que os partidos tomen compromisos concretos coma este”. Maceira insiste en que se dan as condicións adecuadas para dar un xiro no que atinxe á garantía dos dereitos lingüísticos da cidadanía. “Por isto”, explica, “fixemos a comezos de ano unha proposta conxunta con compromisos concretos que hoxe chegan ao Congreso e que se poden levar a cabo desde mañá mesmo, se realmente existir unha vontade política de construír unha sociedade baseada na liberdade, a igualdade e a democracia. Quer dicir, unha sociedade sustentada na diversidade lingüística”.
A manifesto que hoxe frutificou na PNL presentada por BNG, Compromís, PNV, EH Bildu, JxCat, PDCAT, ERC, CUP, Más Madrid e Podemos contou coa implicacións de diversas entidades de todo o Estado, ademais da propia Mesa pola Normalización Lingüística, como Kontseilua (Euskal Herria), Ómnium Cultural, Ciemen e Plataforma per a Llengua (Cataluña), Acción Cultural de o País Valencia (País Valenciá), Obra Cultural Balear (Illas Baleares), Nogará (Aragón) ou Iniciativa pel Asturianu (Asturias). Os axentes sociais do Estado coidan, ademais, que os compromisos marcados na súa proposta foron avalados tanto nas Recomendacións do Comité de Ministros como nas do Comité de Expertos da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, no último informe sobre o seu cumprimento por parte do Estado.