A Mariña, 23 de decembro de 2020. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense fai un balance moi positivo da celebración da segunda edición do curso Comunicación dixital, marketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas na era Covid-19, que tivo lugar en Xove, e dos roteiros desenvolvidos durante o outono que remataron o pasado 13 de decembro.
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organizou en Xove a segunda edición do curso de formación Comunicación dixital, marketing e novas tecnoloxías para a promoción de destinos e empresas turísticas na era Covid-19. A actividade forma parte do conxunto de actuacións en materia de Intelixencia Turística que a entidade foi levando a cabo durante este atípico ano a cargo dos convenios asinados coa Xunta e a Deputación de Lugo co obxectivo de mellorar a competitividade do xeodestino.
O curso celebrouse os días 15, 16 e 17 de decembro e nel participaron un total de 20 persoas, entre elas persoal técnico dos concellos e das pequenas e medianas empresas do sector turístico da comarca. A axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade, Tania Hermida, explicou que “o obxectivo da formación de 15 horas de duración é mellorar a visibilidade e o posicionamento do xeodestino, dos concellos e das empresas turísticas que o integran. Os asistentes contarán cun acompañamento estratéxico co que poder poñer en práctica os coñecementos aprendidos nos seus propios proxectos, coma aconteceu cos alumnos da primeira edición do curso, que tivo lugar en Foz, e co que tamén comezaba o venres 18”.
Por outra banda, o pasado 13 de decembro remataron os roteiros programados na edición de outono de A Mariña en Ruta cunha excelente acollida. O proxecto, promovido pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, e coordinado pola empresa de ecoturismo Maremasma, puxo en valor o patrimonio cultural e natural da Mariña Lucense con 7 roteiros únicos durante os meses de outubro, novembro e decembro deste ano marcado polo Covid19.
Nas diferentes rutas, percorreron as rúas do casco histórico de Ribadeo e coñeceron a historia dos seus comerciantes, a natureza dos cervos salvaxes de A Fraga Vella entre Mondoñedo e Alfoz, pasando pola riqueza xeolóxica das rochas que viron nacer Galicia en Ourol, o patrimonio arqueolóxico de Xove ou a historia baleeira de Cervo, entre outros. “Foron roteiros a pé para disfrutar ao aire libre e diversificar a oferta do xeodestino en base a aspectos menos coñecidos da comarca”, indicou Tania Hermida.
O presidente da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Fran Cajoto, referiuse á acollida que tiveron os roteiros, a pesares das circunstancias actuais: “un total de 37 persoas participaron nas 7 rutas, completándose todas as prazas dispoñibles desta edición de outono de A Mariña en Ruta, que veu marcada polas restricións de aforo entre 4 e 5 participantes mais o guía. Houbo un gran número de persoas que quedaron sen poder asistir debido ás devanditas restricións. Foron un total de 168 as que quedaron en lista de espera, indicativo da gran demanda e interese acadado con este programa que, ademais de dinamizar e diversificar a oferta turística no outono, quixo dar a coñecer os distintos recursos e historia á propia poboación local”.
Cajoto engadiu que “a Mancomunidade seguirá a traballar nos vindeiros meses para atraer visitantes ao longo de todo o ano a esta comarca, que sempre resulta atractiva para quen se achega ata ela. Agardamos que a situación sanitaria mellore pouco a pouco para que cada vez sexan mais as persoas que poidan acudir ás actividades que organicemos”.
De novo, igual que no verán, os datos das enquisas non deixan lugar a dúbidas: o 100% das persoas enquisadas repetiría a experiencia, o 100% cre que esta iniciativa dinamiza a oferta turística, o 100% cre que debería seguir no tempo e o 100% recomendaría o roteiro realizado. Cunha valoración media da organización de 9.6, dos roteiros 9.4 e da iniciativa no seu conxunto de 9.9 sobre 10. Do mesmo xeito, as valoracións dos participantes cara os guías e axentes locais foron excelentes, cunha puntuación media de 9.8 sobre 10.