Mondoñedo, 7 de decembro, 2020. Mañá, martes 8 de decembro, ás 18:00 h, será inaugurada na Casa Museo Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo a mostra itinerante “O Fin do Camiño”, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. Neste acto participarán D. Manuel Ángel Otero Legide (Alcalde do Concello de Mondoñedo), Mns. Luís Ángel de las Heras (Bispo da Diocese Mondoñedo – Ferrol), D. Javier Arias (Delegado Provincial da Xunta en Lugo), Dña. María Patricia Otero Doural (Conce0lleira de Camiño Norte) presidente do Colectivo Egeria.
e D. Xulio Xiz,
Continúa así a edición 2020 deste proxecto, que o ano pasado recorreu todos os concellos do Camiño Francés en Galicia, e que este ano seguirá percorrendo os concellos dos Camiños Primitivo, Norte, de Inverno e Vía Kunig, ao seu paso pola provincia de Lugo.
Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia.
As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos – Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros. Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta.
Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López.
A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30 x 0,80 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.
Máis información: www.ofindocamiño.org
A exposición será visitable de martes a domingo en horario de 10h a 14h e de 16h a 19h. ata o día 15 de decembro.
Contacto previo para visitala en Oficina de Turismo de Mondoñedo por tema de control de aforo. Contacto de forma presencial na propia oficina ou a través do teléfono 982 50 71 77.