Ribadeo a 14 de decembro de 2020. A plantilla de Clun Ribadeo, o que antigamente era a Cooperativa Os Irmandiños, elexiu o pasado venres os seus novos representantes sindicais para os vindeiros catro anos. Por primeira vez dita plantilla pasou de 100 traballadoras e traballadores sendo concretamente de 103 ao inicio do proceso o que fixo que o comité a elexir pasara de 5 a 9 delegad@s.
No proceso participou un 57,28% do censo obtendo a CIG un 74,5 % dos votos emitidos.
No colexio de Técnicos e Administrativos a CIG foi a única candidatura obtendo 24 dos 25 votos emitidos,
No colexio de Especialistas a CIG obtivo 20 votos por 14 de CC.OO que obtén os 2 delegados restantes.
“Estes resultados son un espaldarazo a un traballo serio de moitos anos e supoñen un empuxe para seguir na mesma liña de informar con transparencia e defender con rigor os intereses da totalidade da plantilla” afirma Xoán Díaz, actualmente Secretario de Organización de CIG A Mariña e asesor sindical da CIG na empresa e que no seu día foi o primeiro presidente de dito comité. Pola súa banda, Pablo Rexes, presidente do comité nos últimos anos, asegurou que “ despois de tantos anos con maiorías da CIG, é un orgullo que a plantilla siga confiando en nos, e traballaremos para seguir sendo merecedores de dita confianza”. Os cambios nos últimos anos foron grandes e por iso “afrontamos o futuro como un reto e sendo conscientes do momento e das novas casuísticas que van xurdindo”. A pandemia condicionou a vida social e laboral e nese senso asuntos como a conciliación, ademais da propia saúde e seguridade da plantilla, volveron a cobrar unha especial importancia polo que “humanizar horarios e usos laborais foron un cabalo de batalla todos estes anos e sen dúbida seguirano sendo”. Ao mesmo tempo o proceso,afirma Rexes, tamén foi unha mostra dos cambios experimentados na propia empresa nos últimos anos. “Antes todo xiraba en torno ao centro principal de traballo e hoxe son moitos os traballadores que prestan servizos lonxe do mesmo, noutras instalacions da empresa ou nas propias explotacións dos socios e iso foi algo que notamos na participación do proceso e algo no que deberemos traballar e ter máis en conta nun futuro”.