Lugo, 2 de decembro. O deputado de Deportes Efrén Castro explicou que “o Pazo e os pavillóns anexos son empregados a diario polos clubs e deportistas de Lugo que o solicitan, tanto para adestramentos como para partidos e competicións”. Esa é a mellor mostra de que as normas de uso das instalacións provinciais están a cumprir co seu obxectivo de conciliar a continuidade da práctica deportiva coa protección da saúde dos deportistas na situación sanitaria provocada pola Covid 19”.
O responsábel da área fixo esta aclaración en resposta á nota de prensa emitida polo Partido Popular cuestionando as normas de uso das instalacións deportivas provinciais. Efren Castro detallou que “as condicións de uso se axustan á normativa establecida pola Xunta de Galicia e ás recomendacións e protocolos marcados polas distintas federacións”.
Efrén Castro acusou ao voceiro popular, Javier Castiñeira, de “mentir” no que ten que ver coa relación da área cos clubs e sostivo que “todos os clubs que o solicitan son atendidos e recibidos. No relativo ao uso das instalacións, facilítase desde o primeiro momento toda a información e explicación precisas”.
O deputado nacionalista sostivo que “está fóra de lugar cuestionar o apoio da área de Deportes aos clubs e deportistas, cando a institución provincial é o principal sostén do deporte base e afeccionado” e lembrou que “preto de 200 clubs de toda a provincia reciben axudas directas para o mantemento da actividade competitiva e da organización de eventos deportivos”.
Práctica do squash
Con respecto ao squash, ao que se refire especificamente o Partido Popular, a área de Deportes aclara que o uso das pistas está asignado os cinco días da semana, de luns a venres, de 17 a 20 usos, para un número aproximado de 20 deportistas.
A autorización de uso indica que a actividade deportiva se fará de forma individual, sen contar, se é o caso, o monitor tal como establece a Consellería de Sanidade na orde do 4 de novembro, que marca restricións específicas para o concello de Lugo. O protocolo federativo prioriza as rutinas de forma individual.