Tomé Roca subliñou que “este plan responde á aposta da Deputación pola formación dos empregados e empregadas públicos da nosa provincia, porque teñen unha responsabilidade moi importante. Son unha peza clave nas administracións públicas para garantir o bo funcionamento e a boa atención á cidadanía”.
Nesta liña, o mandatario provincial destacou que “con estes cursos de formación queremos que Deputación e concellos estean á vangarda nas ferramentas de traballo e nos coñecementos para poder ofrecer un servizo público áxil e eficiente aos veciños e veciñas da provincia”.
A proposta do Plan Agrupado de Formación Continua 2020 levouse a cabo en 16 accións diferentes, centradas nas áreas de administración electrónica, urbanismo e medio ambiente, colectivos (policía local), xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, información e comunicación, transparencia e bo goberno, políticas de igualdade e prevención riscos laborais.