Lugo, 18 de decembro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, entregaron este venres, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, os diplomas acreditativos de participación da formación continua impulsada pola Deputación a traballadores e traballadoras da administración local da provincia. Foron 700 os diplomas expedidos entre o persoal que se uniu a esta formación co fin de mellorar o funcionamento das administracións e a atención á cidadanía.
Tomé Roca subliñou que “este plan responde á aposta da Deputación pola formación dos empregados e empregadas públicos da nosa provincia, porque teñen unha responsabilidade moi importante. Son unha peza clave nas administracións públicas para garantir o bo funcionamento e a boa atención á cidadanía”.
Nesta liña, o mandatario provincial destacou que “con estes cursos de formación queremos que Deputación e concellos estean á vangarda nas ferramentas de traballo e nos coñecementos para poder ofrecer un servizo público áxil e eficiente aos veciños e veciñas da provincia”.
A proposta do Plan Agrupado de Formación Continua 2020 levouse a cabo en 16 accións diferentes, centradas nas áreas de administración electrónica, urbanismo e medio ambiente, colectivos (policía local), xurídico-procedimental, novas tecnoloxías, información e comunicación, transparencia e bo goberno, políticas de igualdade e prevención riscos laborais.