Site icon Crónica3.com A Mariña

Xornada 8. Primeira Masculina. Levante 4-2 PRBFS

 Burela, 10 de novembro, 2020. Os burelistas non puideron dar a sorpresa esta tarde na pista do líder (4-2). O Pescados Rubén, que chegaba á cita sen Álex Diz –magoado no último adestramento- e con outros efectivos entre algodóns, tivo que remar contra a eficacia do Levante VDE FS, que encamiñou a cita cunha vantaxe de 3-0 ao descanso; a escuadra galega reaccionou sobre a rede no último cuarto, con rápida resposta local, e atopou recompensa de novo con xogo de cinco, sen tempo para máis. Agora toca pensar xa no peche da semana, para gozar do derbi irmandiño da elite, coa visita do Parrulo FS este sábado a Vista Alegre (18.30 horas); os ferroláns chegarán tras a derrota 2-5 na casa ante Real Betis Futsal.

Sen apenas posicionarse sobre a pista, Rubi adiantou os locais, fronte a un Burela que ofreceu demasiadas concesións no primeiros dez minutos. Ás poutadas de Maxi e Roger, nas filas laranxas contestaron cunha volea de Matamoros que atopou a man de Fede. Kaluza mantivo a rede galega a recado no perigoso remate de Rubi rozando a medianía da primeira parte, pero nada puido facer despois ante a chegada de Rivillos. Puido acurtar Burela no bo entendemento entre Renato e Pitero, desartellado pola defensa levantina. Esteban anotou o terceiro a falta de tres minutos para o descanso. O internacional tivo que aplicarse nos últimos compases antes da bucina en dobre tentativa de Gallo.

Rafa Usín e Gallo buscaron ampliar a fenda na continuación fronte a un Pescados Rubén Burela que pelexou con garra e coraxe medrando ante as adversidades, cos primeiros minutos de liga para outra das Xoias, Nito, ofrecendo unha excelente imaxe. Os laranxas non deixaron de crer e loitar. A maxia de Matamoros puxo a proba a Fede, de cabeza, no 33, e por fin, no 34, Quintela estreou o luminoso en segunda xogada dentro da área. Con 5 minutos para o final, o 10 burelista asumiu o rol de porteiro xogador. Con todo, para infortunio dos do Mariskal, Lucho viu a segunda amarela e o Levante aproveitou a súa superioridade para perforar a rede de novo, con Rafa Usín. Non baixaron os brazos os galegos, reduciron con xogo de cinco con Pitero no 38 para o definitivo 4-2.

Ficha técnica

Levante UD FS: Fede, Maxi Rescia, Rafa Usín, Rubi, Pedro Toro, cinco inicial; tamén xogaron Roger, Rivillos, Márquez, Cayetano, Gallo, Esteban

Pescados Rubén Burela FS: M. Kaluza, Pitero, Javi Rodríguez, Renato, Giasson, cinco inicial; Lucho, Matamoros, Iago Míguez, Quintela, Eto’o, Nito

Goles: 1-0, minuto 1, Rubi; 2-0, minuto 11, Rivillos; 3-0, minuto 17, Esteban; 3-1, minuto 34, Quintela; 4-1, minuto 37, Rafa Usín; 4-2, minuto 38, Pitero

Árbitros: Centeno Bono, Alberto // Centeno Bono, Jordi. Por Levante amarela Diego Ríos (minuto 23), Pedro Toro (minuto 26). Por Burela amarela para Lucho (minuto 7), Quintela (minuto 12), Renato (minuto 29)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 8 de Primeira División Masculina disputado no municipal de Paterna.

Exit mobile version