Site icon Crónica3.com A Mariña

Unha traballadora do centro de maiores de Trabada dá positivo por covid

Foto de arquivo

Lugo, 3 de novembro de 2020. Coñecido na tarde deste martes dende o Servizo de Benestar Social da Deputación de Lugo dun caso positivo por Covid-19 dunha persoa traballadora de Mensajeros de la Paz, a entidade adxudicataria de prestacións básicas no Centro de Atención a Maiores de Trabada, a Deputación de Lugo informa do seguinte:

Dende o momento no que a persoa traballadora lle comunicou á directora do mencionado centro que deu positivo na proba PCR, a Deputación de Lugo aplicou o protocolo de actuación urxente, que consiste na realización, mañá mesmo, dun cribado masivo con proba PCR a todos os traballadores e traballadoras e usuarios e usuarias do Centro de Atención a Maiores de Trabada.

Co obxectivo de ser máis áxil e minimizar o posible impacto da Covid-19, a Deputación de Lugo decidiu externalizar a realización das probas PCR para obter os resultados nun prazo de menos de 12 horas, tendo en conta que utilizando os procedementos ordinarios o tempo podería superar as 48 horas. En todo caso, a Deputación seguirá as indicacións e as probas pautadas polas autoridades sanitarias competentes na materia, seguindo coa colaboración que mantén dende o inicio da pandemia.

Cabe sinalar que a persoa traballadora que deu positivo por Covid-19 non estivo en contacto coa comunidade do CAM de Trabada dende hai 5 días, momento no que foi coñecedora de ser contacto directo con outra persoa traballadora da residencia de maiores de San Cibrao que resultou positivo. Polo tanto, está localizada a procedencia do contaxio e a persoa traballadora do centro de Trabada permanece illada do resto dos traballadores e dos usuarios.

Así mesmo, os usuarios e as usuarias do Centro de Atención a Maiores de Trabada fixeron unha proba PCR a semana pasada, resultando todas negativas.

A Deputación de Lugo xa informou da situación aos usuarios e usuarias e ás súas familias, mantendo a política de máxima transparencia que aplica a institución dende o inicio da pandemia.

Exit mobile version