San Cibrao, 17 de novembro e 2020. Na tarde de onte tivo lugar a reunión da mesa multilateral sobre o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao. Na devandita reunión quedou patente a unión de ambas as administracións, así como o rumbo destas xunto coa representación dos traballadores, que non é outro que manter a actividade industrial e a totalidade dos empregos.
Todas as partes instan a Alcoa a retomar as negociacións para tentar chegar a un acordo naqueles puntos de discordancia do proceso que freou a venda coa SEPI o pasado 27 de setembro. En caso de non producirse ditas negociacións antes do 3 de decembro, Goberno central e Xunta manifestaron a súa disposición a participar conxuntamente cos sindicatos tanto na vía xudicial como en calquera outra vía de traballo que garanta a continuidade da fábrica de San Cibrao, xa que non se dan as circunstancias para un peche das instalacións.
Por outra banda, instóuselle a Alcoa a que decida se quere seguir pola vía do conflito ou cambiar o seu posicionamento. Neste sentido, hai que lembrar que Alcoa segue manifestando que os seus máximos quedaron patentes na súa proposta do día 27 de setembro, alegando que ningunha circunstancia cambiou desde esa data.
Tamén informaron que as administracións puxéronse en contacto co presidente de Alcoa, Roy Harvey, solicitándolle a posibilidade de chegar a unha solución negociada deste conflito, non obtendo pola súa banda unha resposta satisfactoria.
UGT-FICA considera que a solución non só pasa pola vía xudicial, senón que tamén urxen decisións políticas inmediatas. Chegou o momento de que as administracións poñan todo da súa parte para que se solucione este conflito.
Por outra banda, UGT-FICA esíxelle a Alcoa que abandone a postura que mantén desde o inicio do proceso que sempre foi deter a produción e deslocalizar o aluminio primario a outros países, cesando así máis de mil empregos.