Toda aldea ten atractivos turísticos. Sinxelos, pode ser. Non masificados, case seguro. Baratos, ou sen custe para o visitante…
O reenfoque turístico pola pandemia leva a un turismo ‘sostible’. En realidade, a frase anterior o que fai é perfilar máis unha marcha cara a sostibilidade. Algo que leva tempo xestándose entre convulsións e desgarros das vestiduras do sector turístico mentres trata de manter a mesma liña do pasado inmediato. É algo que en diferentes lugares pode estar definíndose de xeitos diferentes, pois aínda non hai un acordo na ‘industria’ para tentar aproveitar unha liña con futuro. En calquera caso, as propostas tentan responder nos seus diversos matices a unha idea clara: o uso dun ben turístico non debe desequilibrar o planeta (e claro, tampouco debe rematar afogando o mesmo ben, ‘matando a galiña dos ovos de ouro’). A pandemia, coa súa incidencia sobre todo nas viaxes, o que fixo foi engadir presión en lugares onde aínda non se sentía, e aumentala noutros nos que xa se deixaba ver a necesidade dun cambio. Cambio, por outra parte, que tampouco ten por que estar delineándose en todos os lugares dun xeito converxente, ó seguir as sensacións e as forzas en xogo.
Que si o turismo está ás veces a esgazar lugares paradisíacos, que si nas cidades está a axudar á xentrificación, que si produce unha porcentaxe significativa de gases de efecto invernadoiro… Mentres, os cidadáns arredor do ‘cidadán tipo’ na sociedade occidental temos sido grandes beneficiados do que se chama turismo low-cost, algo que remata repercutindo de xeito negativo en nós mesmos, vía degradación da natureza, contaminación ou empurre para soldos tamén low-cost. algo de difícil solución co sistema e mentalidade actuais.
Mirando doutro xeito, teño comprobado que unha porcentaxe grande da xente que vive no mesmo pobo ca min, en Ribadeo, non coñece lugares fermosos, atractivos ou interesantes do mesmo concello ou próximos. Si son coñecidas As Catedrais (obviando ás veces moitos detalles), si a Torre dos Moreno (por fóra, que por dentro é perigosa na actualidade, a máis de estar cerrada), si a Casa do Concello (en todo caso, a planta principal, pero non o salón de plenos, por distinguir unha dependencia salientable). Pero quedan despistados (mesmo non tendo claro situación) se se fala da igrexa de Covelas, o Pozo Mouro, a vella ponte nas Anzas, o Mondigo (neste caso, si se coñece a situación, pero outra cousa é ter subido), as pinturas na capela da virxe das Virtudes, o viaduto do Rego da Viña ou o túnel de Porto… lugares ás veces mesmo indicados nas guías e rutas turísticas, outras totalmente deixados da man de Deus, en calquera caso referencia histórica, ou xeográfica, ou artística. Por non falar daqueles próximos pero alén do concello, como as vistas dende a beira do Comado, xa en Barreiros aínda que a poucos metros da fronteira administrativa con Ribadeo. Pode que ningunha destas cousas, enumeradas a nivel parroquial, poda competir coa Capela Sixtina ou coa Gran Muralla Chinesa, como non pode facer Ribadeo con París ou San Francisco, pero seguro que boa parte poden competir en máis dun aspecto con máis dunha das cousas que visitaches ex profeso a moita distancia. E forman parte da túa herdanza, da túa historia, fas menos impacto ó desfrutalas, animan a consumir local, a comprender….
É necesario un cambio de mentalidade? Si, necesario e conveniente …E iso non ten por que levar a calcar a Fray Luis de León na súa vida retirada:
“¡Qué descansada vida
la del que huye del mundanal ruido,
y sigue la escondida
senda, por donde han ido
los pocos sabios que en el mundo han sido!”