Site icon Crónica3.com A Mariña

Sábado 5 de decembro. Vista Alegre, xogando pola igualdade

 Burela, 30 de novembro, 2020. Vista Alegre romperá unha nova lanza pola igualdade este sábado, co partido da xornada 8 de Primeira Feminina dedicado á loita pola igualdade efectiva de mulleres e homes. Pescados Rubén Burela FS saltará á pista fronte a Xaloc Alacant despedindo os encontros de 2020 en casa cunha mensaxe de sensibilización contra a violencia de xénero. A cita, que arrincará ás 18.30 horas, poderá seguirse na canle Burela FS TV.

O enfrontamento está integrado nas accións do I Plan de Patrocinio dos Equipos de Alta Competición Femininos de 1º Máximo Nivel Estatal da Xunta de Galicia, presentado o pasado 16 de novembro pola Consellería de Emprego e Igualdade, a Secretaría Xeral para o Deporte e a Fundación Deporte Galego. A través desta iniciativa, o fútbol sala de elite, con Pescados Rubén Burela FS, Ourense Envialia, Poio Pescamar e Cidade das Burgas, figura como o escaparate perfecto para poñer en valor a importancia de deporte como medio de fomento da actividade física saudable e como ferramenta de loita pola tolerancia igualdade e non violencia de xénero no deporte e na vida. Tamén son beneficiarios nesta primeira edición Ensino Lugo en baloncesto, Porriño e Atlético Guardés en balonmán, Real Club Deportivo en fútbol e Club de Arquitectura Técnica en rugby, ademais de Sófbol Cambre.

Exit mobile version