Ribadeo, 26 de novembro de 2020. Ribadeo recupera neste vindeiro mes de decembro o seu festival de jazz e blues despois de tres anos sen celebrarse. No auditorio municipal Hernán Naval haberá concertos de Travellin´ Brothers, Summrá e Zenet, para os que as entradas xa están á venda en www.ataquilla.com. Ademais o programa inclúe unha exposición fotográfica de Cris Andina na oficina de turismo ribadense.
O VI Festival de Jazz & Blues de Ribadeo foi presentado na tarde de hoxe, xoves, na Casa do Concello ribadense pola concelleira de Cultura, Pilar Otero, e o director artístico do evento, Rafael Monteavaro, de Game Over Productions, que é a empresa organizadora.
Travellin´ Brothers, Summrá e Zenet actuarán os días 6, 8 e 12 de decembro e os tres concertos serán ás 20:00 horas con entradas numeradas gardando as distancias de seguridade, aforo reducido a 100 persoas para cada unha das actuacións e demais medidas contra o Covid 19. A exposición da ribadense Cris Andina, especialista en fotografar artistas de teatro e músicos, será inaugurada o 4 de decembro ás 19:00 horas e estará aberta ao público ata o día 19.
A edil de Cultura deu a coñecer o programa do festival e destacou o currículo dos artistas participantes.
Rafael Monteavaro explicou que “este ano, tan especial para todos e sobre todo para os músicos e para a xente que andamos ao redor deles, decidimos retomar o festival de jazz despois de tres anos de parón. Esta será a sexta edición e pode parecer chocante que precisamente con esta situación nos atrevamos a tirar para diante pero hai dúas cousas que foron definitivas á hora de decidirnos: intentar entre todos que a música en directo non morra, que os músicos non morran de fame e que os afeccionados á música poidan seguir tendo a onde acudir; e segundo e fundamental foi o apoio que recibimos tanto do Ministerio de Cultura, a través do INAEM, como do Concello de Ribadeo. Sen estas axudas sería imposible dado que as condicións nas que se teñen que desenvolver estes concertos, con aforo limitado, fan todo máis difícil aínda. De todas maneiras cremos que xuntamos un cartel moi atractivo”.
Ademais Monteavaro aclarou que teñen o permiso da Xunta de Galicia que lles permite contar cun aforo de 100 persoas en cada concerto, para o cal tiveron que presentar un protocolo de actuación.
Travellin´ Brothers é unha banda bilbaína, que está considerada unha das mellores de Europa. Nos seus 15 anos de historia leva gravados 8 discos e máis de 1.000 concertos en xiras nacionais, europeas e en USA.
Sumrrá é o trío máis representativo do jazz galego contemporáneo, leva case vinte anos nos máis variados escenarios do mundo enteiro e conta con seis discos no mercado.
Zenet foi premio da música ao artista revelación en 2009 e posteriormente logrou varias distincións máis. O seu novo disco, La Guapería, é de versións de boleros cubanos antigos e na semana da súa saída ao mercado entrou no top 10 dos discos máis vendidos en España e acadou o número 7 nas listas.
O prezo das entradas para estes concertos é de 10 euros, 8 euros e 16 euros respectivamente, que son moi inferiores aos que se pagan nas actuacións destes artistas noutros lugares.