Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón pide un pleno monográfico coa comparecencia de Feijóo ante a cifra de contaxios, a opacidade e a improvisación do Goberno nesta segunda onda COVID

 Santiago de Compostela, 2 de Novembro 2020. Récord diario de contaxios activos, improvisación, opacidade na información e nos datos e unha atención primaria colapsada son as probas de que o Goberno de Feixóo non está xestionando con eficacia a segunda onda da pandemia e que, lonxe de aprender dos erros de marzo, sigue na incapacidade para anticiparse na loita contra a COVID.
Neste contexto, a portavoz nacional, Ana Pontón, propón a celebración esta semana dun pleno extraordinario e monográfico coa comparecencia do presidente da Xunta, ausente da Cámara en plena pandemia, ao tempo que indicaba que “algo está fallando” á vista dos resultados e formulaba unha reflexión: “se hai que tomar medidas contundentes, canto antes se faga mellor, porque iso salvará vidas e salvará empregos”.

“Desde que empezou a segunda onda Feixóo só compareceu trinta minutos no Parlamento e adicou ese tempo a atacar á oposición e buscar culpábeis en vez de aportar solucións, certezas e alternativas fronte a crise sanitaria, económica, social e mesmo emocional que nos deixa o virus”, denunciou Pontón, de aí a proposta de celebración de pleno esta semana “para aportar propostas e medidas nos dous ámbitos que máis preocupan: saúde e economía, conscientes de que a crise económica só se superará garantindo a saúde das persoas”.

Neste contexto, hai que sumar esforzos desde un Parlamento que ten que estar activo nun momento crítico para o país, explicou a líder nacionalista, tras facer un repaso da situación, empezando pola expansión do virus: “cada día rexístrase unha cifra de contaxios superior á anterior e as persoas infectadas hoxe é un 30% máis que fai unha semana, coas residencias de novo convertidas na zona cero da pandemia”, advirte.

A segunda reflexión é que, aínda neste contexto, o Goberno de Feixóo non é capaz de anticiparse e segue instalado na improvisación, “porque decidir o venres ás 12:00 horas pechar as grandes cidades ás 15:00 é unha proba evidente desa improvisación, da incapacidade para anticiparse e da falta dunha estratexia clara e eficaz de loita contra o virus”.

En terceiro lugar, a líder nacionalista sinalou a opacidade na que está instalado o Executivo galego, “sen transparencia e sen información clara de datos que son relevantes, por exemplo, cantos rastrexadores hai, unha cifra que segue a ser unha incógnita pero o que si sabemos é que Galiza está entre os territorios con peores resultados en localización de rastrexos”.

E como cuarto aspecto de análise da situación, Pontón chamou a atención sobre a situación da sanidade pública en particular dunha atención primaria colapsada e cun persoal exhausto. “A cidadanía non pode ir ao seu médico ou médica cando se atopa mal e o que lle ofrece este goberno é unha chamada telefónica cun servizo, ademais, moitas veces saturado. Pasamos das listas de espera ás chamadas en espera, e isto non é serio nin presentábel nunca, pero moito menos no medio dunha pandemia”, denuncia.

Ademais, a portavoz do BNG considera urxente que o presidente da Xunta explique cal é o plan para garantir a atención ás persoas afectadas polo virus e, ao mesmo tempo, prestar atención sanitaria á cidadanía no resto de doenzas que seguen afectando á saúde das persoas. De feito, xa se advirte desde o ámbito sanitario que hai doenzas crónicas e urxentes que deben ser atendidas e que non poden seguir agardando.

“Sabemos que non se reforzou a atención primaria e sabemos que hai áreas nas que se están aprazando operacións, como recoñecer a propia Consellería de Sanidade, e iso que non estamos nunha situación de colapso do sistema hospitalario”, recalcou Pontón.

Exit mobile version