Site icon Crónica3.com A Mariña

Pontón pide a Feijóo que retire unha lei de saúde centrada en vixiar, multar e impoñer a vacinación obrigatoria á cidadanía

Santiago de Compostela, 25 de Novembro 2020. A portavoz nacional, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta que retire o proxecto de lei de reforma da Lei de Saúde de 2008, porque non recolle nin unha soa medida para mellorar a sanidade pública na loita contra a pandemia e ten como obxectivo vixiar, sancionar e multar aos galegos e as galegas, aos que trata como persoas incumpridoras e potenciais bombas dispersadoras do virus.
“Así é como o presidente da Xunta lle agradece á xente deste país o esforzo e o sacrificio destes oito meses de pandemia: tratalos como se fosen sospeitosos aos que hai que vixiar, sancionar, obrigar a vacinarse baixo pena de multa e aos que hai que recortar dereitos e liberdades sen garantías xurídicas. En 53 folios, nin unha soa medida para mellorar a loita contra a COVID desde o punto de vista sanitario, cero; pero repite 71 veces a palabra sanción nunha lei de saúde”, argumentou Pontón na sesión de control ao xefe do Executivo.
Tras recriminarlle a Feixóo que responda a argumentos con descualificacións e insultos, a líder do Bloque preguntoulle se como presidente da Xunta “realmente lle está dicindo a xente deste país que non cumpre a corentena contra a COVID e, polo tanto, a súa prioridade é sancionalos en lugar de adoptar melloras na sanidade para loitar contra a pandemia?”, interpelou.
Ademais dunha detallada enumeración de sancións que poden chegar até os 600.000 euros, o proxecto de lei tamén impón a obrigación de vacinarse, pese a que en Galiza nunca existiu rexeitamento das campañas de vacinación. Por todo iso, o BNG pide a retirada do proxecto de lei do PP que tilda de “chapuza xurídica” que non pasaría o “exame” dos informes xurídicos preceptivos de terse tramitado este proxecto pola vía do Consello da Xunta: “está eludindo a súa responsabilidade e actuando con covardía”.

Fronte a unha normativa que pon o foco na sanción a unha cidadanía que ten un comportamento exemplar de xeito maioritario, Pontón ofreceu ao presidente galego colaboración cunha batería de medidas e de propostas, empezando por reforzar a sanidade con 100 M€ adicionais para atención primaria nas contas de 2021; incrementar o número de rastrexadores para un control dos gromos; plan de continxencia para a distribución da vacina da COVID cando estea dispoñible, -“anticiparse tras o fiasco da campaña da gripe”-, cribado masivo en todos os concellos baixo peches perimetrais e blindar as residencias de maiores a través dunha intervención pública.

“Eu veño a este Pleno a falar a favor dos galegos e das galegas que non necesitan que vostede os trate como sospeitosos que deben ser vixiados, sancionados e multados senón un goberno que se anticipe e dea solucións. Por iso lle pido que deixe de responder con labazadas á man tendida do BNG e fagamos deste Parlamento un foro construtivo para saír desta crise sanitaria, económica e social”, concluíu.

Exit mobile version