Lugo, 2 de novembro de 2020. A Secretaria Provincial do PSdeG-PSOE na provincia de Lugo e Deputada Autonómica, Patricia Otero dixo hoxe que “estamos diante dos mellores orzamentos do Estado para á provincia dende o ano 2010”, e acusou ao PP “de mentir máis que falar”, en relación aos investimentos na provincia de Lugo.
Otero dixo que o “ PP provincial de Lugo lanzouse a unha romaría de roldas de prensa por toda a provincia, tentando descualificar uns Orzamentos que son os mellores para a provincia desde o ano 2010”. E asegura que “fano para poñerse a venda antes da ferida, xa que a mala previsión dos vindeiros orzamentos da Xunta lévalles a mentir ou a ocultar a verdade”.
A secretaria provincial replica que as afirmacións do PP nas que sinala que deixou encamiñada a Autovías da Mariña sen un só metro nin planeado, nin licitado, nin construído “debe ser unha broma porque, de non selo, é tomarlle o pelo aos veciños da Mariña Lucense”. E no que se refire á mellora do tren, “o PP volve a mentir porque saben moi ben que RENFE xa adquiriu novos equipamentos para toda España, que virán substituír os vellos para os que o Goberno do PP non investiu nin un euro. O resto do que se necesita para mellorar o tren é adecuar horarios e mellorar estacións para o que non se require partidas dos Orzamentos”.
Así as cousas afirma que “Lugo é a terceira provincia do conxunto de España que máis crece en orzamento adicado en infraestruturas de toda España, e que se acomete a conexión por ferrocarril con Ourense e culmínase a Autovías con Santiago. Os orzamentos do Estado tamén aseguran que Lugo contará coa nova estación intermodal, agora só falta que unha vez máis o Goberno de Feijóo cumpra coa súa parte”, advertiu.
Sinalou ademais que “miles de lucenses beneficiaranse da suba das pensións contributivas e non contributivas, así como polo incremento do soldo aos empregados públicos ou axuda do Ingreso Mínimo Vital. O mesmo ocorre co incremento dos investimentos dedicados á educación ou á sanidade desde o Goberno de Pedro Sánchez”.
Chegada do AVE a Lugo compromiso de Feijóo
Patricia Otero convida a secretaria provincial do PP e ao deputado Jaime Olano “a poñerse a traballar polos lucenses e polos cidadáns da Mariña esixindo que a Xunta nos seus próximos orzamentos comece a pagar as incontables débedas que ten coa provincia e coa comarca. Sen ir máis lonxe, a chegada do AVE a Lugo – compromiso en firme de Núñez Feijóo que leva 11 anos conxelado – ou o peche do corredor norte da vía rápida desde Viveiro, ou os déficits acumulados na atención sanitaria primaria que empeza a ser penosa”, só por citar algúns temas que dormen nos caixóns das Conselleiras da Xunta de Galicia.
Por último empraza aos representantes do PP na provincia “antes de dedicar todo o seu tempo a criticar, deberían comezar a dar algo de trigo, algo no que aínda non se estrearon”, resumiu.