Os deputados afirman que “estes son uns orzamentos excepcionais, elaborados para facer fronte a unha circunstancia excepcional pola pandemia, co obxectivo principal de salvar ás persoas. Polo tanto son unhas contas realistas, inaprazables e indispensables para a modernización e a recuperación da nosa economía. Son os orzamentos progresistas que a provincia de Lugo precisa para o conxunto da cidadanía. E partida a partida podemos comprobar que se traducen en máis sanidade, máis educación, máis protección social e máis xustiza social. Polo tantos estes orzamentos precisan dun auténtico patriotismo por parte de tódolos grupos parlamentarios, por iso demandamos altura de miras ós deputados galegos do PP e do BNG, para que deixen de lado confrontamentos estériles, e arrimen o ombreiro, para apoios”, din.
Coas cifras enriba da mesa sinalan, que realizando unha comparativa con respecto dos Orzamentos aprobados no ano 2018 polo Goberno do PP, e prorrogados en 2020, “o gasto total previsto do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), incrementouse nun 90,7%, cun aumento de 52,57 millóns de euros, pasando dos 57,94 ata os 110,51 millóns de euros no proxectos de orzamentos actuais.”
Así as cousas, Ana Prieto avanza que ”Lugo é a terceira provincia de España na que máis medrou o orzamento do Ministerio de Transportes. Polo tanto é un Goberno socialista o que pon fin ó agravio sufrido á provincia de Lugo polos sucesivos gobernos do PP. Son uns orzamentos históricos en materia de infraestruturas”.
Para o deputado Javier Cerqueiro “estas son unhas contas que inclúen o maior gasto da historia, xa que recollen un investimento descoñecido ata hoxe, xa que supón un aumento do 10,3% con respecto aos anteriores, incluíndo o adianto dos 27.000 millóns de euros procedentes de fondos europeos”. Cerqueiro tamén alude ao forte investimento en gasto social “un montante total de 240 millóns de euros, que serán clave para a recuperación socioeconómica que precisamos impulsar”.
Educación
Os deputados socialistas remarcan “o incremento dun 70,2% máis no noso sistema educativo público, coa maior partida de becas da historia que se incrementa en 514 millóns de euros, xunto aos 1.500 millóns de euros, repartidos en catro anualidades, para modernizar a FP. E co fin de facilitar a incorporación dos mozos e mozas ao mercado laboral vaise desenvolver un Plan de Choque polo Emprego Xoven, do que se beneficiarán 20.500 mozos e mozas galegas, cunha partida de case 22 millóns de euros”.
Políticas sociais
No que se refire as cifras para vivenda a partida increméntanse nun 367%. Prieto e Cerqueiro tamén remarcan as axudas á dependencia, “que medran nun 34,4% cun aumento de 600 millóns de euros, para acadar os 2.354 millóns de euros no 2021. E para que ninguén quede atrás destinaranse 3.017 millóns para o Ingreso Mínimo Vital. Tamén haberá unha suba do 59% para loitar contra a pobreza infantil. Todas estas partidas educativas e sociais terán reflexo na sociedade lucense. Estes son exemplos contundentes do firme compromiso do Goberno de España co presente e futuro das e dos lucenses”, afirman.
No que atinxe á suba do salario aos empregados públicos, repercutirá a 7.276 empregados na provincia, e a suba das pensións beneficiará aos máis de 115.000 pensionistas lucenses, garantindo a súa sostebilidade e para que os nosos maiores non perdan poder adquisitivo.
Incremento dun 151% en sanidade
A portavoz de Sanidade do Grupo Parlamentario Socialista no Congreso, Ana Prieto, advirte “que unha das leccións que temos que sacar desta situación de emerxencia económica e social, pasa polo fortalecemento de políticas vitais, como a sanidade pública e a defensa da saúde pública. E por isto que o Goberno de España vai destinar á sanidade un 151,4% máis, o que contribuirá a reforzar a Atención Primaria, que é, sen dúbida, a primeira liña de actuación contra a COVID-19”.
Actuacións en infraestruturas
No que se refire ás infraestruturas, Ana Prieto explica que “as inversións en Lugo reflicten o compromiso do Goberno en materia de infraestruturas, permitindo saldar as débedas históricas con esta provincia, como por exemplo a autovía Lugo-Santiago, que ademais contrastan cos orzamentos do PP, no que sistematicamente aparecían partidas fantasmas que nunca se executaban, tal e como se pode comprobar”, insistiu.
Sector ferroviario
Javier Cerqueiro, argumenta que “a inversión no sector ferroviario na provincia de Lugo incrementouse un 758,2%, son 67,3 millóns de euros, pasando dos 8,9 millóns nos 2018, aos 76,2 millóns de euros no proxecto de Orzamentos de 2021”. Subliña ademais que ADIF consigna un total de 84,6 millóns de euros, dos que 68,6 millóns son para actuacións de renovación (35,4 millóns en Lugo), para a electrificación (30 millóns en Lugo) e para Estación Intermodal de Lugo 3,2 millóns. Destínase unha dotación de 3,1 millóns (2,9 en Lugo) para a renovación da liña Monforte-León. Polo tanto a provincia de Lugo, ocupa a 9 posición na táboa de clasificación de inversións por provincias”, dixo.
Estradas
Os deputados aluden tamén aos 26 millóns de euros para as estradas da provincia. Concretamente, Ana Prieto sinala “a consignación orzamentaria para as obras na autovía A-54 entre Lugo e Santiago, que conta con 69,3 millóns de euros. Para os dous tramos Melide e Palas, 21,4 millóns de euros e 11,7 millóns de euros respectivamente, e 36 millóns de euros para o tramo Arzúa e Melide”.
A deputada explica ademais que se prevén as partidas necesarias “para a redacción do estudo e proxectos de futuras actuacións, que permitirán actuar na autovía A-74 da Mariña. Así como licitar contrato e iniciar a redacción do proxecto do tramo San Cibrao e Burela (100.000 euros). Tamén para esta autovía destínanse partidas por un montante total de 400.000 euros, co fin de continuar a redacción dos proxectos dos tramos Barreiros-O Carme, O Carme-Foz e Foz-Burela. Proxectos imprescindibles antes de comezar coas obras”. Nos orzamentos do Estado “tamén está presente a redacción do proxecto da variante de Monforte de Lemos, da A-76 entre Monforte de Lemos-Babela cunha partida de 100.000 euros”.
2,5 millóns de euros para o Camiño de Santiago
Por último “o interese cultural concretase en actuacións para potenciar o Camiño de Santiago ó seu paso por Paradela, Pedrafita do Cebreiro, Portomarín, Samos e Triacastela onde se prevé una inversión de 2,5 millóns de euros para a anualidade de 2021, co fin de impulsar proxectos que contribúan a mellorar as dotacións neste entorno ”, resumiu Prieto.