Fronte ao discurso de Alcoa, a decisión do TSXG reforza a evidencia do dano irreversíbel que suporía a parada das cubas de electrólise, así como a complexidade técnica e o elevado custe deste proceso. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considera que tras deste auto “o Goberno non pode agardar máis para actuar, xa non ten escusas para impedir que o terrorismo patronal de Alcoa campe as súas anchas ameazando con executar os despedimentos e desmantelar a fábrica”.
Carril reitera que as solucións para a fábrica de San Cibrao non están nos xulgados senón que dependen unicamente das decisións políticas do Goberno español e da Xunta de Galiza. Por iso, insta a ambas administracións a aproveitar o tempo e pór en marcha de inmediato os mecanismos legais para efectivizar a nacionalización da planta.
“Alcoa xa demostrou que non interese ningún en vender a fábrica, senón ao contrario, está boicoteando todas as propostas de solución. Neste punto, a única garantía de futuro industrial para A Mariña está na intervención pública, xa sexa mediante unha expropiación ou outro mecanismo alternativo. Esta medida é viábel, legal e non hai nada na lexislación galega, española ou europea que o impida, tal e como quedou acreditado no informe elaborado pola UdC a petición da CIG. O que está claro é que os Gobernos deben actuar para impedir que a multinacional poida executar o plan de desmantelamento e despedimentos, que inevitabelmente levarían ao peche da fábrica e á ruína da comarca”, asevera.
Neste senso, reclama que se fixe xa a data da reunión da Mesa Multilateral para abordar en común os seguintes pasos a dar e que se concrete un calendario de actuacións para a intervención efectiva da planta.