Ao parecer, e segundo información achegada a este colectivo sanitario, o problema radica nas vacinas para menores de 65 anos, e casualmente neste rango de idade está a aumentar moito a demanda de vacinación, en resposta á campaña mediática feita polo goberno da Xunta para evitar solapamentos entre os picos de gripe e os brotes de covid 19 e desconxestionar así os hospitais e centros de saúde.
Desde a Plataforma Sanitaria esiximos aos responsables sanitarios que se deixen de culpabilizar e criminalizar unha vez máis ao persoal sanitario e doten de todas as doses de vacinas que se precisen nos centros, para asegurar que toda a poboación que o desexe ou precise , sexa vacinada . O persoal , tanto sanitario como administrativo, está a facer un inmenso traballo de asistencia , rastrexo e seguimento de casos sumado a toda actividade que xa teñen que realizar habitualmente.
Neste sentido a coordinadora do colectivo , Montse Porteiro manifestou que “ as declaracións feitas desde a Consellería de Sanidade culpabilizando e acusando ao persoal de mala xestión son inadmisibles e compre que o Goberno da Xunta asuma as súas responsabilidades e deixe de culpabilizar ao persoal da súa propia incompetencia.”