“Cando o 12 de setembro do ano pasado aprobamos por unanimidade no Pleno a disolución desta sociedade, estaba previsto que os trámites se prolongasen durante dous anos, dada a complexidade e o traballo que supón este tipo de procesos. Pois ben, hoxe, só 14 meses despois, temos todo listo para extinguir SUPLUSA, o que demostra o empeño e o rigor que poñemos para cumprir retos. E este non era dos fáciles”, subliñou o Presidente.
Neste sentido, José Tomé agradeceu “o traballo, o esforzo e a dedicación que puxeron os deputados e deputadas que formaron parte da Comisión Liquidadora, e tamén do persoal técnico que tomou parte no proceso, tanto externo como desta casa. Un traballo que me consta que foi moito e foi complexo”.
Unanimidade en 30 reunións
“Foi, ademais, un proceso de consenso entre as tres forzas políticas da Corporación, o que creo que lle engade valor. Houbo unanimidade no Pleno de setembro do ano pasado no que acordamos a disolución de SUPLUSA, e houbo unanimidade na totalidade das decisións que tomou a comisión liquidadora nas 30 reunións que mantivo ó longo de todo este tempo. Unha comisión formada por tres persoas deputadas dos tres grupos políticos provinciais”, explicou o mandatario provincial.
Así mesmo, destacou que en todo este proceso “cumprimos con noso compromiso de manter todos e cada un dos postos de traballo das persoas que traballan en SUPLUSA e de protexer os seus dereitos laborais”.
Consolidación da normalidade e tranquilidade
Tomé Roca salientou que “coa extinción de SUPLUSA, cumprimos un acordo recollido no pacto de goberno que firmamos o PSOE e o BNG, e pechamos un capítulo que consolidará a normalidade e a tranquilidade institucional á que fomos capaces de devolver a este Deputación dende principio deste mandato. O certo é que, se ben no seu día foi unha entidade útil para a provincia, quedou desvirtuada polas disfuncións producidas nos últimos anos, nos que operou á marxe e incluso en contra da Deputación, a súa institución matriz, De feito, a Deputación retiroulle a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a súa existencia xa carecía de sentido”.
Fin ó proceso de reestruturación
Nesta liña, o Presidente explicou que dado que a Sociedade Urbanística Provincial é o único entre instrumental que quedaba da Deputación, coa súa extinción “poñemos fin ó proceso de reestruturación desta institución, un obxectivo recollido igualmente no pacto de Goberno, que fará esta Administración máis eficaz e máis útil para a cidadanía, e co que gañará máis control dos fondos públicos e máis transparencia”.
O mandatario provincial lembrou que, cando PSdeG e BNG chegaron á Deputación de Lugo no ano 2007, había catro entes instrumentais, creados todos eles por gobernos do PP: o INLUDES, a Fundación Tor, a Fundación TIC e SUPLUSA. “Hoxe, non queda ningunha, Reintegramos o seu capital, os seus servizos e as súas prestacións na Deputación, fortalecendo o sector público”, apuntou Tomé Roca.
Centrada nas necesidades da veciñanza
Pola súa banda, a Vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou que “a disolución de SUPLUSA dá cumprimento a un acordo incluído no pacto de goberno e encamiñado a normalizar o funcionamento da Deputación, algo prioritario para nós cando entramos a formar parte deste executivo”.
“SUPLUSA convertérase nos últimos anos no paradigma da mala xestión e do uso das institucións e dos fondos públicos para saldar loitas internas dos partidos, e isto tivo un impacto moi negativo tanto no goberno da Deputación como na imaxe da institución”, explicou.
“Coa disolución de SUPLUSA poñemos fin a esta etapa e normalizamos plenamente o funcionamento da institución, que debe estar centrada en resolver as necesidades que teñen as comarcas e que afectan á veciñanza, máis nun momento de incerteza e crise sanitaria coma este”, concluíu.
Efectos da extinción de SUPLUSA para a Deputación
O Presidente explicou que a Deputación é a sucesora universal de SUPLUSA, como socia única da empresa pública, polo que herda e asume todos os seus dereitos e obrigas. Onte mesmo, pola mañá, a Comisión Liquidadora reuniuse por última vez e remitiu á Deputación toda a documentación sobre a liquidación. Tamén onte, pola tarde, reuniuse a comisión técnica, integrada por persoal funcionario da Deputación (dos servizos de Secretaría, Intervención e Recursos Humanos) e por deputados e deputadas provinciais, co fin de emitir os informes técnicos necesarios para elevar ao Pleno do día 30 de novembro o acordo de extinción de SUPLUSA.
Tomé Roca explicou que a Deputación faise cargo dos bens inmobles de SUPLUSA, cun valor de taxación que ascende aos 14,3M€. Entre eles, atópanse terreos, parcelas, edificios, naves, maquinaria, medios auxiliares e vehículos, entre outros.
Ao mesmo tempo, a institución provincial ingresará nas súas arcas uns 4,3M€, a liquidez da que dispoñía SUPLUSA. Esta cantidade pasará a un fondo para facer fronte ás responsabilidades e obrigas pendentes da sociedade mercantil e, si quedara algún, pasará a formar parte dos remanentes da Deputación do próximo exercicio económico.
Igualmente, a Deputación asume a prestación do servizo en termos de urbanismo, que é o único servizo que ofrecía xa SUPLUSA, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, decidísemos encargar á empresa pública TRAGSA o mantemento e conservación de zonas verdes.
Ademais, a institución provincial garante e protexe os dereitos laborais dos catro traballadores que quedan en SUPLUSA, que segundo a proposta dos liquidadores, amparada no informe do servizo de Recursos Humanos, e unha vez aprobado polo Pleno, integraranse con carácter subrogado nos diferentes servizos da Deputación.
O Presidente lembrou que xa o fixeron cos empregados de zonas verdes. “Garantímoslles o seu posto de traballo coa subrogación dende unha empresa pública, como era SUPLUSA, a outra empresa pública como é TRAGSA, nas mesmas condicións salariais e laborais. E agora, con respecto ás catro persoas que quedan na Sociedade Mercantil ata a súa extinción, protexeremos, da mesma maneira, os seus dereitos nos termos que nos digan os informes técnicos, como sempre fixemos”.
“Os chiringuitos pasan a ser historia”
Finalmente, Tomé Roca subliñou que “hoxe é un bo día para a Deputación porque os chiringuitos que viñan de vello pasar a ser historia. Este Goberno, como defensor do público, só pode agradecer o traballo que nos levou a conseguir este obxectivo, que sen dúbida favorece a calidade dos servizos públicos que prestamos dende esta institución provincial”.