Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP propón melloras máis ambiciosas que as proxectadas polo Concello no Centro Social de Foz, e suxire que o Fogar do Xubilado sexa ubicado na planta baixa

 Foz, a 18 de novembro de 2020. O grupo municipal popular de Foz fai unha proposta que, ao seu xuízo, resolvería os problemas que se dan no Centro Social. O portavoz municipal do PP, Javier Castiñeira, explica: “Acabamos de escoitar en días pasados que o alcalde de Foz, o señor Francisco Cajoto, quere facer obras na primeira planta do centro social. Di que quere reubicar novamente alí o Fogar do Xubilado, que tiña problemas nesa planta: por un lado, problemas de humidades grandes, que se solventaron co goberno pasado impermeabilizando a fachada, e outros problemas de accesibilidade, propios dun local que non estaba preparado para ter un uso público nesa zona”.

Castiñeira declara: “Nós estamos de acordo en dar unha solución á asociación de xubilados, pero cremos tamén que debemos ser moito máis ambiciosos, no sentido de que as obras non deben facerse só na primeira planta senón tamén na planta baixa. Así, solucionaríanse todos os problemas e non habería que trasladar a ninguén. O que propón o PP é que se contemple a posibilidade de levar o Fogar dos Xubilados á planta baixa. Desta maneira xa terían varias terraza naturais, non habería que facelo na primeira planta nin se perdería ese espazo; abaixo, fronte ao parque infantil Conde de Fontao xa hai uns soportais que son ideais para poder poñer aí a terraza, e fronte ao porto están as beirarrúas que son amplas e se podería ter tamén terraza”.

Os populares din: “Desta maneira sería moito máis accesible o Fogar do Xubilado na planta baixa e moito máis atractivo para unha posible concesión. Así quedaría libre a planta alta e nela, unha vez despexada, poderían acondicionarse dos locais, un para a asociación Virxe do Carme e outro para usos múltiples, que podería albergar as actividades que se facían antes. Esa é a proposta do PP: máis ambiciosa e que soluciona dunha vez por todas o problemas que teñen tanto os xubilados como a asociación Virxe do Carme. O PP bríndase, como sempre, a colaborar”.

Exit mobile version