Para o portavoz popular, “queda demostrado que ao señor Tomé non lle gusta o teletraballo”. Sinala: “Xa pasou en Monforte, onde o sindicato maioritario chamou a atención ao alcalde por usar a expresión pexorativa televacacións; neste caso moitos traballadores provinciais ven nesta decisión e nesta circular un retraso na conciliación de traballadores con menores ou dependentes na familia ao cargo, especialmente no momento de aumento de brotes da covid que estamos a vivir na nosa provincia”.
Os populares ven falta de coherencia. Castiñeira declara: “Socialistas e nacionalistas, que se autonomean progresistas, demostran unha vez máis que cambian de criterio segundo estean na oposición ou no goberno. Neste caso, en relación con respecto aos dereitos dos traballadores”. Engade: “O caso máis claro é o do señor Tomé. Con pasado sindicalista, mentres era empregado, e agora que ten tantos cargos e é xefe actúa de maneira prepotente cos seus excompañeiros. Faino enviando esta circular sen consensuar cos traballadores; fixo e faino cos traballadores de Suplusa aos que desconsidera en todo momento e faino diariamente substituíndo servicios provinciais con prórrogas sucesivas a Tragsa, que se converteu no brazo executor do autoritarismo de Tomé”.
Dende o PP, di Javier Castiñeira, “solicitamos a José Tomé que corrixa a súa política de persoal e recursos humanos e empece por devolver aos traballadores con menores ou dependentes ao seu cargo a posibilidade de poder teletraballar a metade da xornada”. Destaca que non hai que esquecer que as circunstancias da covid non melloraron e os socialistas sacaron adiante unha lei de teletraballo, que o goberno da Deputación debería ter en conta.