Viveiro, 11 de novembro de 2020. O Grupo Provincial do Partido Popular pediu recentemente, oficialmente e por escrito, ao goberno da Deputación que notifique e informe aos Concellos da posibilidade de substituír as subvencións nominativas concedidas para fomentar eventos e que non se puideron levar a cabo pola crise da covid-19 por outros convenios e fines que estimen oportunos. Nesta liña, o grupo popular de Viveiro, á vista da renuncia efectuada polo Concello á subvención de 25.000 euros para a Semana Santa, insta a alcaldesa, María Loureiro (PSOE), a solicitar da Deputación o cambio de fin de dita subvención.
O grupo provincial do PP detectou que algunhas entidades locais renunciaron a estas achegas pola imposibilidade de celebración e que outras si solicitaron o cambio para realizar investimentos alternativos e non perder as axudas. O portavoz municipal en Viveiro dos populares, Óscar Rodríguez, di que sería unha moi mala xestión da alcaldesa deixar que se perderan os 25.000 euros inicialmente concedidos para a Semana Santa. “En Viveiro hai moitos fins posibles para os que viría moi ben poder dispoñer desa cantidade”, di Rodríguez.
O portavoz popular lembra que María Loureiro é deputada provincial. “Se outros alcaldes non tiveron inconveniente en cambiar o fin dalgunha subvención, non se entendería que o tivera Loureiro para conseguir dedicar eses 25.000 euros a un fin distinto do inicial, que, como é sabido, non se puido materializar debido á crise xerada pola covid-19”.