Castiñeira declara: “Os problemas para a liquidación de Suplusa xa empezaron cunha compra acelerada dunha acción de Tragsa, que o PP considera irregular e que está no contencioso. Proseguiu cunha inxusta subrogación dos traballadores das áreas verdes de Suplusa a esa mesma empresa pública, que tamén está nos xulgados por parte dos traballadores; seguiu co préstamo non autorizado de maquinaria de Suplusa a Tragsa”. O portavoz popular indica: “Se o goberno da Deputación non aclara quen foi o responsable que se extralimitou nas súas funcións ao autorizar o uso de máquinas de Suplusa por Tragsa, probablemente rematará nos xulgados. E entendemos que posiblemente acabarán tamén nos xulgados moitísimas demandas dos concellos, que se viron traizoados porque neste proceso de disolución se esfuma parte do seu futuro industrial”.
Castiñeira anuncia que “o asunto de Suplusa non vai rematar o 30 de novembro, porque se pecha en falso, como ferida aberta e supurando”. Está convencido de que “traerá moitos problemas ao presidente, por ceder á presión do BNG para reducir de contido á Deputación; iso si, unha Deputación da que queren seguir cobrando”. O portavoz popular di ao presidente da Deputación: “A ferida está aberta, señor Tomé; se cre que poñendo enriba dela unha torpe venda como son estes orzamentos, que ademais non se adaptan á realidade covid, está absolutamente equivocado”.
O PP cre que este pleno poderá ser recordado como un dos máis dañinos dos últimos anos polas consecuencias desastrosas que pode supoñer para a provincia. Castiñeira avisa: “Se o goberno non amaña o asunto de Suplusa é moi probable que o teñan que amañar outras instancias e iso pode ser moi prexudicial para os intereses de todos os lucenses”.