Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o orzamento da Deputación non ilusiona nin ao goberno provincial e avisa de que o traballo que non soubo facer o equipo de Tomé en Suplusa o farán os xulgados

Lugo, a 30 de novembro de 2020. O PP, como tiña anunciado, votou esta mañá contra o proxecto de orzamento da Deputación para o ano 2021 e contra a disolución de Suplusa. O portavoz provincial dos populares, Javier Castiñeira, di, como balance da sesión: “Hai que destacar o nerviosismo do equipo de goberno, que chegou incluso a cambiar as quendas das intervencións. É bastante lamentable a situación do equipo de goberno, que non foi capaz de ilusionar nin a eles mesmos cos orzamento da Deputación que presentaron para 2021, que eles mesmos tachan de continuistas e recoñecen que van gastar gastar máis (gasto corrente) e dedicar tres millóns menos que este ano a investimentos reais”.

Castiñeira, ao final do pleno, declarou: “A verdade é que lamentamos que, contrariamente ao que dixo á señora García, hoxe non sexa un bo día para provincia; ao contrario: é un moi mal día, especialmente para os extraballadores das zonas verdes de Suplusa que se ven agraviados en relación co resto dos compañeiros doutras entidades suprimidas na Deputación e incluso dentro de Suplusa, porque uns se subrogaron na Deputación e eles non”.

Explicou o portavoz popular: “É un moi mal día para os alcaldes da provincia que teñen compromisos con solo industrial, compromisos que no día de hoxe se esfuman. O apoio do PP á extinción de Suplusa é imposible mentres non se resolva o tema de persoal, mentres non se aclare quen autorizou que Tragsa utiliza a maquinaria de Suplusa sen autorización desta sociedade e sen garantir os convenios cos concellos”. Avisou de que “todo indica que o asunto Suplusa non rematará con este pleno e nos veremos en situacións moito máis complexas”.

Javier Castiñeira, na súa intervención no pleno, no debate da proposta para a extinción de Suplusa, sinalou, en referencia ao presidente da Deputación, José Tomé: “Como vostede é o dono do balón xógase coas súas regras”. Respondía así a sorprendente decisión do presidente de que, neste caso concreto, fora o PP o que iniciase as quendas de intervencións. Diante da sorpresa do portavoz popular, Tomé dixo que a extinción de Suplusa non era proposta nin do goberno provincial nin do grupo do PSOE, senón dos liquidadores desta sociedade.

Entrando en materia, Castiñeira manifestou que o balance que fai o PP dos 17 anos de Suplusa é altamente positivo. Explicou que esta afirmación está avalada polos feitos e confirmada por presidentes socialistas como Besteiro e Campos. Recordou que Suplusa desenvolveu numerosos polígonos industrias na provincia e construíu as residencias de maiores que dependen da Deputación, comprou construcións emblemáticas e fixo servizos de maneira moi dilixente. Negou rotundamente que Suplusa fora, como din os grupos de goberno, un chiringuito. Manifestou: “As propias contas de Suplusa que hoxe se aproban o din con claridade: 22 millóns de euros de capital que van pasar á Deputación de Lugo e 4 millóns de euros de liquidez”.

Para o PP a disolución de Suplusa “só é unha estratexia do BNG, como dixo a vicepresidenta, para baleirar de contido á Deputación”. O PP, en setembro de 2019, no inicio do proceso de liquidación xustificou a súa participación na comisión liquidadora en que non se fiaba do goberno provincial para cumprir as promesas que facía. Castiñeira dixo: “E así foi: traballadores e concellos foron traizoados e non os imos deixar desamparados. Naquel momento deixamos en corentena a principal razón que argumentaba o goberno para liquidar Suplusa: adelgazar a administración. É algo absolutamente falso, porque demostramos que o servizo de mantemento de zonas verdes custaba co persoal de Suplusa 513.602,95 euros, no 2019 e con Tragsa, 825.000 euros, é dicir un 38% máis. E iso sen contar o uso de maquinaria”. Preguntou ao presidente porque non encargou o informe de canto custa o uso da maquinaria de Suplusa; esa investigación fíxoa o PP, “e sae que nun ano o custe é de entre 450.000 e 500.00 euros, e vostedes non inclúen ese custo”.

Con respecto aos traballadores de Suplusa encargados das zonas verdes, agora subrogados en Tragsa, cando deberían estar na Deputación, Castiñeira sinalou: “Estamos diante dun goberno que se di progresista e dun presidente sindicalista”. Preguntou cal é a diferenza entre os traballadores de Suplusa e os da fundación TIC, disolta no ano 2018 e cuxos traballadores pasaron á Deputación; que diferenza hai, preguntou tamén, entre eles e os traballadores do Inludes, disolto no 2013, e que tamén pasaron á Deputación. Igualmente preguntou cal é a diferenza entre os traballadores das oficinas de Suplusa e os traballadores de campo, para que os primeiros se subrogasen na Deputación e os segundos en Tragsa. Recordou que a demanda de que os traballadores das zonas verdes pasen á Deputación a fan tamén CC.OO. CIG e CSIF. “O único sindicato que non o di é UGT, que ten un representante que é irmán do presidente Tomé”.

Por último, Castiñeira dixo que a Deputación no pode extinguir Suplusa sen confirmar os convenios asinados cos concellos. Pediu que a extinción de Suplusa quedase sobre a mesa e a creación dunha mesa negociadora para resolver os asuntos pendentes.

En alusión ao cualificativo de chiringuito dedicado pola vicepresidenta a Suplusa, o portavoz popular recordou que tivo contratado a quen hoxe é o tenente de alcalde do BNG no Concello de Lugo, “e daquela non se queixaban”. Avisou: “Desgraciadamente, o traballo que vostedes non saben facer o farán os xulgados de Lugo”

Exit mobile version