Os populares lamentan así as cativas partidas que o Executivo incluíu para esta autovía. Supoñen unha redución do 87% respecto do último investimento aprobado polo Goberno de Mariano Rajoy en 2018. Concretamente, fronte aos máis de 3 millóns de euros que contemplaba o Executivo popular nese ano, os actuais dirixentes só inclúen 400.000 euros para o vindeiro exercicio.
Naquel entón Cristóbal Montoro deixará consignada a partida para redactar, aprobar e licitar os dous treitos máis próximos á Autovía do Cantábrico, os que unen Barreiros, Foz e Burela. O traxecto de Foz a Burela tiña un custe total de máis de 93 millóns e unha asignación que se aproximaba aos 2 millóns de euros. Esta subiría aos 10,3 millóns en 2019 e aos 20 millóns en 2020 para cumprir as previsións indicadas. Para o comprendido entre Barreiros e Foz (82,38 millóns), recollía un investimento de case 1,3 millóns en 2018, que ascendía a máis de 11 millóns en 2019 e a 20 millóns en 2020. O derradeiro traxecto Burela-San Cibrao, cun orzamento total de 83 millóns, tiña consignado medio millón para 2018; 10,5 millóns en 2019; 22 millóns en 2020; e 25 millóns en 2021.
“A comarca máis sacrificada polo PSOE”, di Candia
Con estes datos, extraídos dos distintos proxectos de Orzamentos, a redución anunciada polo Goberno é para os populares un exemplo máis de como o Partido Socialista nestes dous anos e, sobre todo neste último, co apoio de Podemos, está a castigar a os mariñaos. “Estamos na comarca máis sacrificada polo PSOE”, afirmou a presidenta provincial Elena Candia. Precisamente, a tamén deputada autonómica lembrou como “recentemente tamén viamos como o Plan de Sostibilidade Turística quedaba fóra dos fondos estatais a pesares de ter o compromiso da financiación por parte da Xunta de Galicia”. Elena Candia reafirmouse así na idea de que “estamos pagando os pactos dos socialistas. A Feve nin se cita e con Alcoa xa vimos cales foron as xestións”, sentenciou.
A A-74 é a grande infraestrutura que permitirá vertebrar a Mariña, ao enlazar a A-8 con San Cibrao. Coas partidas anunciadas, “lo único que van hacer, afirmou Olano, es que esta obra se abandone por completo”. Por este motivo, agarda que os voceiros e alcaldes do PSOE, BNG e de Podemos da comarca se opoñan a este proxecto orzamentario.
Descoñecemento e falta de peso de Tomé
O voceiro do PP na Deputación, Javier Castiñeira, tamén se manifesta moi crítico. Xa o fixo na sesión plenaria de outubro, coa moción do PSOE sobre a A-56 e logo da negación por parte do bipartito para incluír a emenda dos populares que pedía ao Goberno que se comprometese tamén co resto de autovías proxectadas na provincia, entre elas a da Mariña.
“Puxemos contra as cordas ao goberno provincial e, o que é máis grave, xa detectamos a falta de interese do mesmo por esixir aos seus compañeiros na Moncloa que non se marxinase á provincia. Quedounos claro o nulo peso que ten o presidente Tomé nas decisións do Goberno do Estado, pero a Mariña necesita un empuxón. Está a pasar por dúas crises intensas que son a de Alcoa e a da covid, que afecta, esta última, ao comercio e a turismo, e que están mermando o ánimo das mariñaos. Se anunciase a licitación do primeiro treito desta autovía sería un revulsivo para as esperanzas e o noso futuro”, defende.
Dado que non é así, Castiñeira avanza que “traballeremos conxuntamente co resto de deputados para que as emendas que cheguen ao Congreso contemplen ese inicio e licitación do trazado Barreiros-San Cibrao”.