O portavoz do PP, Javier Castiñeira, sinala: “Acabamos de saber polos medios de comunicación que o equipo de goberno da Deputación ten pensado presentar proximamente os orzamentos do 2021. É algo que nos congratula, porque é unha novidade que a Deputación presente os orzamentos en tempo e forma, algo que non fixo nos últimos anos; de ser así empezariamos o exercicio da recuperación económica cos orzamentos xa en vigor. Pero, por outro lado, estamos profundamente desencantados porque se rexeitou a colaboración do Partido Popular, que é o grupo maioritario da corporación provincial, e con elo a de gran parte dos lucenses e dos concellos para traballar sobre estes orzamentos tan importantes”.
O portavoz popular sinala: “O grave xa non é que non se chame ao PP, o grupo con más representación na corporación; o grave é que non se chama a ninguén, nin asociacións nin outras entidades que deberan participar tamén neste orzamentos tan importantes. Ao PSOE e ao BNG éncheselles a boca antes das eleccións e nos programas electorais falando de presupostos participativos, pero despois, cando chega a hora da verdade, deséñanos nun despacho socialistas e nacionalistas, sen buscar a colaboración de ninguén”.
Castiñeira explica: “Pero tampouco é o máis grave que no se dea participación na elaboración duns orzamentos tan importantes como son os de 2021; o máis grave son as declaracións do presidente Tomé que di que os orzamentos do 2021 serán continuistas. O que menos necesita calquera administración é seguir co que fixo ata agora, porque o 2021 é o ano da saída da crise. Non se pode facer un copia-pega como fixo cos do 2020 en relación cos do 2019, que xa eran un copia-pega dos do 2018, que non os fixo este goberno e son orzamentos de antes da crise. Necesitamos innovar, necesitamos apoiar ao tecido económico e empresarial da provincia; precisamos transformar as estradas para que sexan un motor económico para todos os concellos da provincia”.
Os populares cren que “o que menos necesitamos e continuísmo orzamentario” e avisan de que “se finalmente o orzamento é continuista seremos a única administración de España que sexa orzamentariamente continuista, porque o ano 2021 é un ano extraordinario, clave, que precisa uns orzamentos extraordinarios”.