Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pleno provincial reclama á Xunta medidas de apoio específicas para o sector cultural, a iniciativa do BNG

 Lugo, 24 de novembro de 2020. O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes a proposta presentada polo BNG para reclamar a Xunta de Galiza a declaración da cultura como ben de primeira necesidade. A moción, que parte da concepción da cultura como un dereito da cidadanía, demanda ao goberno galego un paquete de medidas de apoio aos sectores profesionais da cultura para paliar o impacto da crise sanitaria na súa actividade.
Na defensa da iniciativa, a vicepresidenta da Deputación Maite Ferreiro expuxo as dificultades económicas que atravesan as autónomas, pequenas empresas e cooperativas culturais que conforman o sector en Galiza como consecuencia das suspensións e restricións que veñen afectando a súa actividade desde o inicio da pandemia.
A deputada nacionalista defendeu o dereito das profesionais “a vivir con dignidade do seu traballo” e criticou “os intentos de criminalización das actividades culturais, con intereses partidistas” co pretexto da pandemia.
A proposta, que saíu adiante cos votos do BNG e do PSdG, tamén insta ao goberno do Estado a reducir do 10 ao 4 por cento o IVE do sector para facilitar o acceso da cidadanía á produción cultural.
En declaracións á entrada do Pleno, Maite Ferreiro sinalou que “no BNG predicamos co exemplo” en refencia ás contas da Deputación Provincial, nas que o orzamento de Cultura supón un 7,5 por cento.
Atención primaria e residencias
O BNG tamén defendeu como grupo de goberno unha moción para reclamar á Xunta de Galiza medidas efectivas para frear a segunda vaga da pandemia da Covid 19. Entre elas, abrir unha liña de colaboración cos concellos para facilitarlles información veraz e ter en conta as súas achegas, asumir os custo das tarefas de desinfección nas aulas e cubrir as necesidades de máscaras da comunidade educativa ou o reforzo do persoal sanitario,especialmente na atención primaria.
O voceiro do BNG Efrén Castro incidiu neste último punto para censurar a xestión da Xunta de Galiza en relación cos centros de saúde, onde segue sen restablecerse a atención presencial. “Estes días soubemos que a contratación de seguros privados subiu un 50 por cento. A xente ten a sensación de que é imposible que os atendan presencialmente nos centros de saúde. Esa é o resultado da súa xestión”, concluíu.
O deputado nacionalista tamén puxo o foco nos contaxios nas residencias privadas, “vólvense repetir os erros da primeira vaga e, en lugar de facer autocrítica e buscar solucións, o que fai a Xunta de Galiza é homenaxear a presidenta de Domusvi no Parlamento”.
Ataque do Partido Popular ás mobilizacións feministas
Efrén Castro mostrouse especialmente crítico coa intervención do grupo do Partido Popular no debate da moción no que sinalaron as mobilizacións do 8M como foco de expansión da pandemia,   insistindo no argumento de criminalización do feminismo que mantén o PP a nivel estatal.
O deputado nacionalista denunciou a “actitude machista” dos populares. “Sacan de novo o tema do 8M. Porque non falan dos estadios cheos? das viaxes para ver partidos de Champions ou do Congreso de Vox? Se fan fincapé nas mobilizacións feministas é por unha cuestión ideolóxica. Nun día como  hoxe, deberían deixar á marxe o 8M porque nada ten que ver con este debate, pero pódelles”, criticou.
Emigrantes retornados
O BNG tamén sacou adiante unha moción que reclama ao goberno do Estado a adopción das medidas necesarias para evitar que as prestacións recibidas desde o estranxeiro por emigrantes retornados sufran unha dobre tributación. A formación nacionalista defendeu así no Pleno provincial as demandas da Coordinadora Nacional de Emigrantes Retornados, das que tamén foi voceira diante do goberno do Estado
O Pleno tamén declarou dispoñible para o uso da Deputación 4,5 millóns de euros, unha posibilidade que se abriu tras a suspensión das regras fiscais de estabilidade, endebedamento e regra de gasto en outubro pasado. Nese senso, o deputado nacionalista puxo en valor a presión política do BNG que “mantivo sempre unha posición coherente e contraria á Lei de Estabilidade Orzamentaria de Montoro”.
.

Exit mobile version