Para elo, explicou a Deputada, reforzamos “as nosas liñas de acción prioritarias”: as políticas sociais, o apoio aos sectores produtivos estratéxicos, a cooperación cos concellos e a mellora da mobilidade”.
Mayra García destacou que os Orzamentos suben preto dun 1% con respecto a este 2020 porque, “aínda que baixa algún ingreso corrente pola pandemia, compensámolo coa aportación do Estado, que aumenta un 3%”.
Con respecto aos gastos, a Deputada aludiu ó aumento dun 20% das partidas en Bens e Servizos, “debido, sobre todo, a que ampliaremos a nosa Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores coa apertura de novas residencias”.
Así mesmo, García Bermúdez destacou a conxelación dos soldos dos membros da Corporación provincial á proposta do Presidente, “un xesto que os responsables políticos debemos facer por responsabilidade e por solidariedade con tantos veciños e veciñas que o están pasando mal. A nosa vocación de servizo público está por riba de todo”.
A Deputada de Economía puxo en valor “a aprobación en tempo e forma” para que os presupostos “teñan efecto desde principios de ano, algo especialmente importante no actual contexto de loita contra o impacto da crise sanitaria” e “as políticas e medidas que recollen”.
Políticas Sociais
A Deputación de Lugo dedica un terzo do total do Orzamento a Políticas Sociais “porque cremos que é o mellor modo de garantir a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo dos máis vulnerables”, explicou Mayra García. Son 30M€ para Benestar, Igualdade, Emprego, Cultura, Deportes, Xuventude, Memoria Histórica e Educación.
A institución provincial, como dixo a Deputada, segue “financiando e prestando moitas políticas sociais que son competencia autonómica, sen que a Xunta de Galicia aporte ningún recurso novo”.
Dentro das Políticas Sociais, destacou o investimento en emprego: “No 2021 duplicamos os recursos para o mantemento e a creación de emprego na provincia mobilizando 9M€: 5 deles contemplados nos propios Orzamentos e 4 procedentes de fondos europeos”.
García Bermúdez incidiu tamén na ampliación da Rede de Centros Públicos de Atención a Maiores da Deputación. O Orzamento contempla 8M€ para residencias, que se suman aos 14M€ xa mobilizados para centros que se están construíndo ou que están comprometidos.
O centro de maiores de Castroverde funcionará xa todo o 2021; o de Pedrafita, a partir de febreiro; e os de Meira e Navia abriranse ao longo do ano.
Polo tanto, “dobraremos o número de residencias en marcha: de 4 a 8, e con elo, ofreceremos case 200 novas prazas asistenciais e crearemos 100 novos postos de traballo directos no rural”, subliñou a Deputada de Economía, quen, neste senso, puxo en valor a xestión das residencias provinciais: “crea emprego sostible no rural e garante o benestar e a tranquilidade dos usuarios e das súas familias grazas a un modelo público, de proximidade, de calidade e que pon no centro ás persoas. Un modelo que se viu revalidado nesta crise sanitaria e que dende a Deputación, insistimos, é un bo espello no que mirarse agora que a Xunta admite a necesidade de revisar o seu”.
Por outra banda, en Políticas Sociais, a Deputada explicou que sube a partida para Igualdade nun 20%, e mantense o servizo de telasistencia domiciliaria e as axudas para o Servizo de Axuda no Fogar, neste caso, con 1,3M€ a través do Plan Único.
Sectores produtivos estratéxicos
En tanto que pegados á realidade da provincia, cos Orzamentos do 2021 a Deputación reforza o seu apoio aos sectores estratéxicos, explicou Mayra García Bermúdez.
Deste xeito, as partidas para accións enfocadas ó sector agrogandeiro, forestal e do mar suben un 13%, ata os 2,3M€. O obxectivo é favorecer a diversificación da produción, a competitividade, a produtividade e a xeración de valor engadido en colaboración co sector e coa Universidade.
En canto aos fondos para turismo, aumentan un 10%, ata os 3M€. Co fin de apoiar a un dos sectores que peor o está pasando nesta crise, créanse dous programas específicos para fomentar o turismo de proximidade e a promoción dos produtos artesáns.
Cooperación cos concellos e co tecido social
“A Deputación é o Concello dos concellos”, asegurou a Deputada, polo que a cooperación cos 67 municipios da provincia “é unha política transversal deste Goberno, que imos seguir desenvolvendo no 2021”. O principal instrumento de cooperación da institución provincial, o Plan Único, estará dotado con 11M€ no orzamento, que se elevarán ata os 21,3M€ coa incorporación de remanentes, como se fixo ata agora.
Como no caso das Políticas Sociais, “gustaríanos que a Xunta de Galicia tomara nota e fixera, por fin, un reparto dos seus fondos con criterios públicos e obxectivos, como facemos na Deputación de Lugo, sen partidismos. Iso redundaría na cohesión social e no equilibrio territorial que tanto necesita a nosa provincia e toda Galicia”, sinalou García Bermúdez.
No marco da cooperación, a Deputada destacou tamén a posta en marcha o vindeiro ano dun Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Públicos e Comunitarios, que este ano comeza con 300.000 euros e que “está dirixido a atender as necesidades veciñais en materia de servizos ou equipamentos, actuacións que melloran moito a vida dos veciños e veciñas”.
Mellora da mobilidade
O presuposto demostra que a mellora da mobilidade é prioritaria para o Goberno da Deputación. Suben un 14% o investimento en estradas, ata chegar aos 16M€, destinados a tarefas de mellora, desbroce, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior que a da Xunta en Lugo.
“Defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar servizos, pero ademais, en tempos de crise, a obra pública pode e debe actuar como un motor que incentive a actividade económica e cree emprego”, explicou a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas.