Site icon Crónica3.com A Mariña

“O oportunismo e o egocentrismo”, por Carlos Fernandez Louzao

En data de 28 de outubro de 2020, tivemos coñecemento por parte do xornal O Progreso, e outros medios coma este, de que “Xove acordaba coa Cogami a creación dun centro de día no local de Palmeiro”.
Como non, é de celebrar calquera iniciativa deste tipo. A pirámide de poboación galega como é coñecido ten unha característica en forma de xarrón. E dicir, un decrecemento da natalidade nos últimos corenta anos e un avellentamento cada vez máis acusado na sociedade. Esta situación, de continuar, dará lugar a que en dez anos Galicia teña un poboación de máis de 60 anos que representará cerca de un 45 %.
As iniciativas coma esta, non so pretenden prestar un coidado e atención os nosos maiores, se non tamén facilitar a conciliación familiar daquelas persoas que os atenden. Persoas que teñen que continuar cos seus traballos, seguir atendendo a súa familia, seguir tendo os seus momentos de lecer, etc. Con estas iniciativas posibilítase todo iso.
Polo tanto, compre reiterar unha vez máis que en calquera caso, debe ser motivo de orgullo e celebración que se decida implantar una iniciativa coma esta no noso Concello.
Agora ben, unha vez máis, asistimos a un retraso na medida e a presentación de ideas alleas como propias, coa fin de desdebuxar unha xestión carente sempre de iniciativas, de melloras sociais e obstruccionista en todo o que teña que ver con isto.
En data de 12 de xullo de 2017, o Grupo Municipal do BNG levou a pleno do Concello a creación dun Centro de día. Unha proposta, que pretendía implantar un servizo que se entendía igual de necesario naquel momento coma no actual. A poboación maior de 65 anos no concello é a día de hoxe dun 26,7 %, un total de 875 persoas, o ano que ven serán 233 mais, nun concello que ten 3.273 habitantes, segundo os datos do ano 2019.
Esta porcentaxe era no ano 2017 dun 25 %, o que indica unha subida de case dous puntos en dous anos.
Sen embargo, non pareceu ser necesario por aquel entón. Quen podería rexeitar a implantación dun servizo que pretende facilitar a conciliación familiar e o coidado dos maiores?
Dende o Grupo de Goberno do PP, alonxándose da dialéctica que debería presidir este tipo de propostas nun pleno, procedeuse no son a votar en contra da proposta, se non a descualificación da mesma e por extensión o propio grupo da oposición, manifestando o seu absurdo.
A día de hoxe, non podemos se non entender tal acción, coma a de quen o único que quere é colgarse medallas no peito de propostas alleas.
A boa noticia en si, é a creación deste centro de día, que prestará un servizo a comunidade necesario.
A gran verdade, é a incompetencia manifestada por parte dun executivo local provisto de tal egocentrismo, que pola pouca creatividade, e a carencia dun ideario propio, rexeita medidas propostas con criterio e precisas, para logo presentalas como súas.
Por parte do Grupo Municipal do BNG, seguiremos presentando propostas que se reflictan no benestar e mellora sociais da xente do noso Concello.

Exit mobile version