Site icon Crónica3.com A Mariña

O Observatorio da Mariña pola Igualdade porá o foco nas mulleres do rural na semana do 25N

 A Mariña, 20 de novembro, 2020. O Observatorio da Mariña pola Igualdade presentará este martes 24 o seu vídeo testemuñal Elas Tamén Contan: voces de mulleres no rural, un traballo elaborado dentro da Campaña de sensibilización sobre as violencias machistas no ámbito rural. Tras a visualización do video haberá unha conversa/coloquio coas mulleres protagonistas. A presentación será ás
19.00 horas no Lugar das Marías, na Regueira (Xove). “A nosa intención con este traballo é aumentar a concienciación social sobre a dimensión de tódalas violencias contra as mulleres e reflexionar dun xeito colectivo sobre as vulnerabilidades específicas das mulleres no rural”, comentan dende a directiva do OMI. A visualización deste traballo farase tamén polo 25N ás 12.00 horas na Casa da Cultura de Trabada.

Así mesmo, dende a plataforma informan da presentación do libro Árbores que non arden, unha obra do Proxecto Batefogo elaborada por varias autoras sobre o papel das mulleres na prevención dos incendios forestais. A presentación contará coa presenza de Miguel Pardellas, coordinador deste proxecto conxunto e terá lugar o xoves 26 de novembro ás 19.00 horas no Casino de Mondoñedo. En caso de non poder asistir, poderase seguir en directo dende o Facebook do OMI.

Para o venres 27, o Observatorio ten preparada a presentación de Madialeva, un relato gráfico sobre a realidade da muller no rural feito por Ana María Fernández Moreiras. O acto está programado para as 19.00 horas e será nas escolas vellas de Cervo e vía directo dende o Facebook do OMI.

Indicamos tamén que, durante a celebración de tódolos actos, será necesario gardar as pertinentes medidas de prevención hixénico-sanitarias fronte a COVID-19, mantendo o debido distanciamento social e sendo obrigatorio o uso de máscara. Teremos os pertinentes dispositivos de hixiene a disposición das asistentes.

Exit mobile version