O especialista en reumatoloxía que prestaba os seus servizos no Hospital Público da Mariña participou nun concurso para ocupar unha praza en interinidade no Hospital Universitario Lucus Augusti, proceso ao que ten dereito como calquera outro profesional.
Tras obter este profesional a dita praza no HULA, o Sergas iniciou de xeito inmediato o proceso para incorporar un novo especialista ao Servizo de Reumatoloxía do Hospital Público da Mariña e, nestes momentos estanse a realizar todas as xestións necesarias para que no mes de decembro se incorpore un novo especialista en reumatoloxía á plantilla deste centro hospitalario, malia as dificultades que supón encontrar especialistas de determinadas especialidades.
Mentras tanto, salientar que neste mes de novembro séguese a prestar atención reumatolóxica no Hospital Público da Mariña, xa que a xerencia da área sanitaria está a desprazar especialistas a este centro hospitalario para atender a demanda existente.
Negar tamén a demora que a Plataforma Sanitaria atribúe a esta especialidade. Pola contra, a día de hoxe, a demora para unha primeira consulta de reumatoloxía no Hospital da Mariña é inferior a 30 días.
Así pois, o Hospital Público da Mariña, na súa carteira de especialidades médicas, conta, e contará, como ata o de agora, con Servizo de Reumatoloxía.
Dende o Sergas queremos, polo tanto, negar de forma taxante que o Hospital Público da Mariña perdera ningún servizo, nin este nin ningún outro. O compromiso do goberno galego con este centro hospitalario é evidente. Como é coñecido, a Xunta de Galicia vén de investir máis de 13 millóns de euros (entre equipamento e infraestrutura) na primeira fase de reforma deste centro, que permitiu ampliar este hospital en 9.000 cadrados (un 54% máis), mellorar unha gran parte seus servizos, ampliar as unidades de hospitalización nun 11,5%, crear un novo servizo de hemodiálise, reformar e modernizar por completo o servizo de oftalmoloxía, o hospital de día de oncohematoloxía… entre outras moitas actuacións.
Ademais, ditas actuacións van a continuar e completaranse nos próximos meses, pois a Xunta de Galicia vai volver investir outros 15 millóns de euros neste centro, para iniciar a segunda fase das obras, que permitirá volver a incrementar a superficie do hospital, acadando a súa ampliación completa e remodelación definitiva, co que os habitantes deste distrito sanitario contarán cun hospital practicamente novo e adaptado para atender as necesidades sanitarias desta comarca para os próximos anos.
En definitiva, o Sergas non só non reduciu servizos, senón que ampliou substancialmente a capacidade asistencial, diagnóstica e terapéutica do Hospital da Mariña, aos que nestes anos se destinan preto de 30 millóns de euros (entre a fase I e II).
Este tipo de informacións só buscan xerar malestar e incertidume entre os cidadáns e desprestixiar a sanidade pública, unha sanidade que non só se mantén nun alto nivel de calidade, senón que ademais se viu substancialmente mellorada nos últimos anos con actuacións que están á vista de todos os cidadáns.