Entre as medidas e limitacións establecidas na normativa referida, a aplicar no Concello de Viveiro, co fin de facilitar a informacion á veciñanza quérense destacar as seguintes cuestións:
– Dende as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, queda restrinxida a entrada e saída de persoas do ámbito territorial do Concello de Viveiro, quedando exceptuado desta limitación os desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan polos seguintes motivos: asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios; cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais; asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil; retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar; asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables; desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes; actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais; renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables; realización de exames ou probas oficiais inaprazables; por causa de forza maior ou situación de necesidade e por calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
– Desde as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020, a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado, quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes. Esta limitación non impedirá a reunión con persoas non conviventes que se produzan por motivos de asistencia e coidado, incluído o acompañamento a maiores, menores, dependentes ou persoas con discapacidade, ou por causa de forza maior ou situación de necesidade ou aquelas actividades permitidas, que contén co seu aforo regulado.
– Mantense a limitación de liberdade de circulación entre as 23:00 e 6:00 horas.
– Acórdase o peche da hostelería dende as 00.00 horas do 7 de novembro de 2020. Os establecementos de restauración permancerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio.
– Limítase o aforo do Teatro Pastor Díaz a un máximo de 30 persoas.
– As instalacións deportivas municipais (campos de fútbol e pavillóns deportivos) permanecerán abertas para a práctica do deporte federado, podendo desenvolverse actividades con público sen superar o aforo máximo do 50% e cun límite de 30 persoas sentadas en espazos pechados e de 75 en espazos abertos. O uso das instalacións deportivas municipais mantense para a práctica do deporte federado, tendo en conta que se manteñen a vixencia das competicións.
– Acórdase o peche das instalacións da piscina municipal.
– Acórdase o peche dos centros socioculturais e locais sociais municipais.
– Suspéndense as actividades deportivas, culturais ou calquer outro tipo de evento ou actividade que estivese previsto levar a cabo en instalacións municipais, sen prexuízo das actividades permitidas, quedando anuladas ou suspendidas as autorizacións e cesións de uso de locais, instalacións ou espazos municipais con efectos para o período de vixencia desta suspensión.
– Mantense o peche dos baños públicos e dos parques infantís municipais. Mantense, así mesmo, a suspensión da totalidade de festas, verbenas e outros eventos populares, así como das atraccións de feiras no termo municipal de Viveiro.
– Mantense a celebración dos mercados que teñen lugar no Concello de Viveiro coas restricións vixentes na actualidade.
– Mantense o funcionamento dos servizos administrativos municipais nas condicións existentes na actualidade, recomendando en todo caso á cidadanía a solicitude de cita previa, sempre que non se trate de situacións de urxencia, co fin de evitar aglomeracións e minimizar os riscos de contaxio.
Estas medidas entrarán en vigor a partir das 00.00 horas do día 7 de novembro de 2020 e manterán a súa vixencia ata as 15:00 horas do día 4 de decembro de 2020, en tanto non sexan modificadas pola Autoridade Sanitaria autonómica competente, ou non sexan revisadas por este Concello, en virtude das normas que se diten polas autoridades competentes, atendendo á evolución da situación epidemiolóxica. Non obstante, a medida de limitación da liberdade de circulacion entre as 23:00 e 6:00 horas segue mantendo a vixencia que xa ten na actualidade.
Dende o goberno municipal rógase a todos os veciños e veciñas o estrito cumprimento das medidas establecidas co fin de evitar a propagación do virus e preservar a saúde pública, ao tempo que se lembra a obrigatoriedade do uso de máscaras, de manter a distancia de seguridade ou de cumprir as medidas xerais de hixiene e prevención. Unha vez máis, agradécese a todos e todas o grande esforzo realizado, así como a concienciación e responsabilidade social.