Viveiro, 1 de novembro, 2020. Segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade da Xunta sobre a situación epidemiolóxica en Galicia, o Concello de Viveiro pasou hoxe a un nivel de alerta 3 (VERMELLO), é dicir, máis de 21 casos positivos de coronavirus confirmados por PCR nos últimos sete días.
En concreto, o Concello de Viveiro informa á veciñanza que, segundo os datos comunicados ao grupo de goberno hai uns minutos e á espera de novas probas, hai 36 afectados por COVID-19 no municipio. Non hai ninguna medida restrictiva nova por parte da Xunta e o concello, seguen vixentes as que xa estaban en marcha.
Na residencia de maiores Domus VI, onde o concello está á espera de novas probas, hai polo momento tres casos, correspondentes a dúas coidadoras e un residente, que nestes momento está asintomático.
Como xa informamos o venres, considérase que non hai ningún novo gromo en Viveiro, polo que o concello quere transmitir á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade, pero facendo tamén un chamamento á responsabilidade.
As próximas semanas serán fundamentais para frear o ritmo de contaxios e a propagación da pandemia do coronavirus. É fundamental respectar todas as recomendacións sanitarias e de interacción social, sobre todo nos espazos interiores.
Lembrade sempre o uso da máscara, o respecto da distancia de seguridade interpersoal, o control dos aforos ou evitar as aglomeracións, entre outras medidas.
Dende o Concello de Viveiro, continuarase informando á veciñanza da situación e dos datos relativos ao municipio a medida que lle sexan comunicados, facendo fincapé na necesidade de manter a calma sen baixar a garda e extremando as medidas establecidas polas autoridades sanitarias.