Dende o goberno local valoran positivamente a evolución da situación sanitaria no municipio. Esta descenso das cifras de novos casos foi o que permitiu que dende o pasado venres se levantaran as restricións máis estritas en Viveiro. Durante toda a fin de semana, a veciñanza puido gozar de novo da hostalaría local e suspendeuse o peche perimetral de Viveiro, permitindo a entrada de visitantes ao municipio.
O Concello de Viveiro lembra que era a terceira ocasión na que o municipio sufría as medidas máis restritivas. Para evitar un novo repunte dos contaxios, o concello apela á responsabilidade indivual para cumprir todas as medidas e limitacións impostas polas autoridades competentes.
O goberno local pide extremar a precaución de cara á ponte festiva desta fin de semana, estando xa ás portas do Nadal. O obxectivo primordial é evitar un agravemento das cifras de contaxios no municipio que puideran desembocar en novas restricións ou peches perimetrais.
Coa fin de non repetir un auxe dos casos positivos, o Concello de Viveiro fai fincapé na necesidade de ter especial coidado nas reunións con amigos e familiares. Dadas as posibilidades de contaxio, inciden en respetar os grupos de 6 persoas cumprindo sempre as medidas de seguridade sanitaria, como o uso de máscara e a distancia social.