Viveiro, 3 de novembro de 2020. O Concello de Viveiro informa á veciñanza de que, segundo os datos actualizados que manexa o grupo de goberno, hai 39 casos activos de COVID-19 no municipio.
Con respecto á situación na residencia de maiores Domus VI, as novas probas, máis de 200 PCR realizadas o sábado, foron todas negativas. Só hai dous casos activos a día de hoxe, de dúas coidadoras, que están nos seus domicilios e unha delas nunca estivo en contacto cos residentes.
O concello non contempla ninguna medida restrictiva a maiores, pero lembra que seguen vixentes as que xa estaban en marcha. A maior parte dos casos son de orixe familiar e están controlados.
O concello quere transmitir á veciñanza de novo unha mensaxe de tranquilidade, agradecendo o seu esforzo para cumprir as medidas e frear desta forma os contaxios.
As próximas semanas serán fundamentais para limitar e ter controlada a propagación da pandemia do coronavirus no municipio. É fundamental respectar todas as recomendacións sanitarias e de interacción social, sobre todo nos espazos interiores.
Lembrade sempre o uso da máscara, o respecto da distancia de seguridade interpersoal, o control dos aforos ou evitar as aglomeracións, entre outras medidas. A Policía Local axudará ao concello no control das restricións por parte dos veciños e veciñas.
Dende o Concello de Viveiro, continuarase informando á veciñanza da situación e dos datos relativos ao municipio a medida que lle sexan comunicados, facendo un chamamento á responsabilidade para non baixar a garda e extremar a precaución.