Esta mañá, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a concelleira de Cultura e Muller, Lara Fernández, presentaron en rolda de prensa as actividades, entre as que destaca a concentración silenciosa ‘En Negro’ do próximo 25 de novembro ás 12:00 horas na praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo.
“Este ano máis que nunca queremos sumarnos a esta campaña, xa que a violencia de xénero segue aí e incluso producíronse máis situacións e casos preocupantes polo confinamento derivado da pandemia”, asegura a alcaldesa de Viveiro.
Xa que este ano son más complicadas as actividades presenciais, o concello invita a todos os axentes sociais (comercio, centros educativos, etc) e á veciñanza a participar na campaña En Negro a traves de redes sociais. Na web ennegrocontraasviolencias.gal pódese descargar todo o material. Os hashtag serán #EnNegroContraAsViolencias, #EnNegro2020, #GaliciaEnNegro, #QuerémonosVivas e #NonEstásSoa.
Como novidade, este venres o concello entrará tamén a formar parte da iniciativa a nivel nacional ‘Bibliotecas en Igualdade’, que pretende recuperar e visibilizar o coñecemento de autoría femenina, saldando unha débeda coas mulleres creadoras da historia.
Finalmente, o día 27 o Concello de Viveiro acollerá unha nova reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, presidida pola alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero constituíse en outubro de 2018 e nela están representados todos os axentes sociais que traballan en Viveiro contra a violencia de xénero.