Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo inviste 30.000 euros nas obras de mellora da rúa Pico de Coaña, que estarán rematadas a mediados de decembro

 Ribadeo, 26 de novembro de 2020. A concelleira de Obras, Mónica Freire, acompañada polo alcalde, Fernando Suárez, e polo edil de Medio Ambiente, Jorge Díaz, supervisou as obras de renovación do pavimento que se están a acometer na rúa Pico de Coaña. O investimento é de 30.000 euros e os traballos estarán rematados a mediados de decembro.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, contou que “hoxe viñemos ata a rúa Pico de Coaña para comprobar as obras que se están a realizar da renovación do pavimento, puidemos ver que avanzan a un moi bo ritmo e esperamos que estean rematadas en dúas ou tres semanas”.
A edil ribadense explicou que “se trata dun proxecto de aproximadamente 30.000 euros de orzamento co que imos cambiar o pavimento de asfalto, que existe na actualidade, polo de aglomerado, e ao mesmo tempo dotaremos de nova canalización para a recollida de augas pluviais e fecais. Tamén aproveitaremos estes traballos para substituír a actual canalización de abastecemento de auga municipal”.
Mónica Freire engadiu: “como ocorre nestes casos, pedímoslles aos veciños e ás veciñas un pouco de paciencia mentres duren as obras coa idea de poder rematalas canto antes. Pensamos que a mediados de decembro estarán listas”.

Exit mobile version