Foz, 12 de novembro de 2020. O Concello de Foz reformará as instalacións do fogar do xubilado. Esta actuación foi presentada hoxe, xoves, polo alcalde, Fran Cajoto, e a concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo.
Fran Cajoto anuncia que “o Concello de Foz avanza nos compromisos sociais que se marcou na lexislatura. Unha das principais accións que está a desenvolver o equipo de goberno é a mellora da accesibilidade e a creación de puntos de encontro para os maiores de Foz: facer a vila máis cómoda e accesible e propiciar lugares de reunión para que as relacións sociais se potencien tamén na terceira idade. Neste sentido, en breves semanas comezarán as obras de execución da rampla de acceso á residencia, adxudicadas en 37.000 euros con cargo ao Plan Único 2020 da Deputación de Lugo, e que permitirá establecer un camiño peonil para que os usuarios da residencia se podan achegar de forma segura ao centro da vila”.
O rexedor municipal engade que “evidentemente, na situación de pandemia na que nos atopamos, o illamento é imprescindible e as pautas a seguir son minimizar o achegamento físico para evitar o risco de contaxio por COVID-19, especialmente nun colectivo de risco como é a terceira idade. Sen embargo, como administración responsable, estamos dando todos os pasos administrativos necesarios para que, unha vez resolta a crise sanitaria que estamos a padecer, as relacións sociais non só se manteñan senón que se potencien. Neste sentido, cremos moi necesario recuperar o bar do Centro Social, que foi abandonado polo anterior goberno, o fogar do xubilado, para que os nosos maiores teñan un sitio onde encontrarse e que sintan como seu. Para iso é necesario facer unha reforma integral para que, unha vez sacada a licitación a concesión pública, o adxudicatario poda exercer a actividade con todos os requisitos que se esixen hoxe en día”.
A concelleira de Asuntos Sociais destaca “o gran traballo que está a realizar a Asociación de Discapacitados Virxe do Carme, colectivo que ocupa actualmente as dependencias que reverterán de novo no fogar dos xubilados. O labor que realiza esta asociación é máis que loable, é fundamental: está conseguindo que veciñas e veciños de Foz cunha discapacidade intelectual se sintan integrados, útiles, queridos. A través de distintas actividades esta asociación permite que todos aqueles que gozan dos talleres se sintan partícipes do pobo e, en definitiva, máis felices”. É por iso, remarca Fran Cajoto, que “antes de facer calquera obra nas dependencias que actualmente ocupan, o compromiso do Concello é proporcionar a este colectivo unha ubicación alternativa e adecuada ás súas necesidades, para o cal estamos en contacto fluído coa Asociación Virxe do Carme. De forma paralela o Concello encargou o proxecto de acondicionamento e reforma do fogar do xubilado que se está a ultimar”.
O alcalde explica ademais que “as instalacións actuais están desfasadas e contraveñen a normativa de accesibilidade en varios puntos. A este respecto o novo bar contará con zona interior e exterior, cunha terraza nunha situación privilexiada de Foz. Que os nosos maiores podan gozar dunhas vistas fabulosas sobre o peirao é un auténtico luxo. E xa entramos tamén no aspecto sentimental, porque Foz sen mar, sen peirao, sen pesca, sen a súa tradición mariñeira, non sería Foz”.
A concelleira Ana Rojo tamén traslada outras melloras previstas, como un acceso completamente independente deste o exterior -fundamental para que o local realmente funcione- e uns aseos adaptados a todo tipo de minusvalía, o que non existe na actualidade.
“Pendentes de consignar os fondos para a execución das obras necesarias para o novo local da Asociación de Discapacitados Virxe do Carme e do fogar dos xubilados, o Concello comeza a traballar na solicitude de apoio económico á Xunta de Galicia e á Deputación de Lugo. É moi importante que todas as administracións traballemos conxuntamente nunhas instalacións que permitirán mellorar e potenciar as relacións dos distintos colectivos. Estas actuacións enmárcanse dentro dun proxecto global polo que estamos a apostar: un concello moderno e adaptado aos retos globais, de aí que esteamos aliñando con determinación a acción política local coa Axenda 2030. Nesta actuación, poñemos en valor o obxectivo 11 que nos invita a proporcionar acceso universal a zonas verdes e espazos públicos seguros, inclusivos e accesibles, en particular para as persoas de idade e as persoas con discapacidade”, rematou Fran Cajoto.