“Non podemos esquecernos do rural, o concello abrangue algo máis de 100 quilómetros cadrados de territorio e fóra do casco urbano vive máis do 40% da poboación do municipio”, destaca Fran Cajoto, quen explica que “as actuacións a realizar pódense resumir na mellora dos viais existentes, sobre os que se actuará limpando e adecentando as cunetas, dispoñendo un novo firme de aglomerado en quente de 5 centímetros de espesor e colocando toda a sinalización vertical necesaria, procedendo tamén ao pintado das dúas marxes en toda a lonxitude dos camiños a renovar”.
O rexedor municipal engade: “somos conscientes de que os detalles son tamén importantes e que as obras deben rematarse completamente, aínda que non se executen tantos quilómetros. É por iso que nas obras deseñadas desde que iniciamos o goberno se recrecen todas as arquetas e se realiza unha sinalización completa, prestando especial atención á sinalización dos cruces entre viais, onde se poden producir a maioría dos accidentes graves”.
O alcalde especifica os viarios onde se actuará:
Camiño de subida a Mourente desde a estrada LU-P-2001, na parroquia de San Martiño, cunha lonxitude de 360 metros de actuación.
Camiño entre Vilarmea e A Rúa, en Fazouro, con 165 metros de lonxitude.
Camiño da Vía, en Cangas, no que se renovará o firme en 105 metros de lonxitude.
Núcleo de Carpacide, en Nois.
Renovación da barreira de contención e sinalización na ponte do Río Ouro no vial entre Teixeira e Trasmonte, en Santa Cilla.
Sobre esta última actuación, Cajoto indica que “a actual baranda da ponte atópase nun pésimo estado, o que podería provocar un accidente moi grave se un vehículo se saíse da vía”. E remata: “somos conscientes de que hai moitas actuacións pendentes, pero estes arranxos sumados a traballos anteriores permítennos avanzar no sentido correcto”.