Viveiro, a 4 de novembro de 2020. O comité da residencia Geriatros-DomusVi de Viveiro vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo polos múltiples incumprimentos laborais, pois a pesar da pésima xestión que a empresa está a facer da emerxencia sanitaria e de que a Xunta xa tivo que intervir varios dos centros que xestiona, a compañía non reforzou os cadros de persoal senón que mantén uns calendarios laborais insufríbeis, obriga o persoal a asumir tarefas para as que non está formado e prolonga as xornadas de maneira abusiva, provocando unha sobrecarga de traballo insostíbel.
Dende o comité advirten que hai un déficit estrutural de persoal en todas as categorías o que provoca unha enorme sobrecarga de traballo que se veu agravada pola pandemia da Covid-19. Así, no caso de enfermería, cando algunha das enfermeiras falta, as demais teñen que realizar quendas de 12 horas. Na limpeza, malia ser unha medida de prevención básica, apenas se reforzou o servizo “e se antes xa se precisaba de máis persoal, nestes momentos a realidade é que polas tardes na residencia só hai dúas persoas para a limpeza, que ademais teñen que facer tarefas de lavandería e servir comedores nas dúas quendas”.
As xerocultoras, obrigadas a administrar e preparar a medicación
Non están en mellores condicións os e as xerocultoras, a quen a empresa obriga non só a administrarlle a medicación aos/ás residentes sen supervisión de enfermería, senón incluso a preparala, triturando ou mesturando fármacos que quedan elaborados con máis de 24 horas de antelación. Unha actividade que extralimita as capacidades e funcións deste persoal, para a que non teñen a formación adecuada e que constitúe unha manifesta irresponsabilidade por parte da empresa cos seus usuarios e usuarias.
Para mudar isto, o comité dirixiuse en varias ocasións a dirección para que cambiara estas ordes de traballo, mais sen recibir ningunha contestación. “Obrigarlles a mesturar, triturar e subministrar medicación é fonte de estrés e carga mental ao realizar labores que descoñece e para as que non ten formación nin capacidade”, advirte a presidenta do comité, Lidia Seco.
Xunto a isto, sinala que faltan xerocultoras/es para atender de maneira adecuada os/as residentes e cando se produce unha derivación hospitalaria, ao non ter cuberto a empresa ese posto, ten que ir unha traballadora doutra unidade quedando esa unidade só cunha xerocultora para atender 25 residentes.
Xornadas excesivas de até 12 horas
Sobre o exceso de xornada, o comité denuncia que Geriatros-DomusVi se nega a entregar os calendarios de traballo do pouco persoal contratado como reforzo a causa da pandemia, a quen a empresa obriga a realizar xornadas superiores á máxima legal sen respectar os descansos mínimos. E de igual xeito, incumpre reiteradamente a obriga de pór a disposición da representación social o rexistro da xornada.
Ademais, Geriatros-DomusVi tarda varios días en cubrir as baixas e nestes días deuse un caso positivo entre residentes e algunha traballadora, e a empresa, en vez de contratar persoal de substitución e reforzar o servizo, o que fai é cambiar as carteleiras das xerocultoras para pórlles xornadas de 12 horas.
Todas estas eivas afectan á calidade da atención que se presta os usuarios e usuarias, polo que dende a representación do persoal tamén piden da Consellaría de Política Social que exerza as súas labores inspectoras e obrigue a DomusVi a cumprir coas ratios de persoal, garantir unhas condicións de traballo dignas e que se prime o benestar das persoas residentes sobre o negocio privado.
Como exemplo do absoluto desleixo por parte da empresa, apuntan que dos tres ascensores que ten o edificio, só dous chegan até o terceiro andar. Porén, un deses dous ascensores leva máis de dous meses avariado, polo que de estragarse o outro os/as residentes do terceiro andar quedarían incomunicados/as.