As obras de mantemento que vén desenvolvendo nestes últimos anos o Concello de Viveiro nestas rúas é evidente que son sen ningún tipo de planificación nin programación, carecendo de toda definición de obxectivos e dunha análise e diagnose da súa rede viaria. Esta falta de planificación de actuacións e de previsión dos recursos necesarios para proceder ao axeitado e racional tratamento das deficiencias detectadas en cada unha delas, trae como resultado o lamentábel e perigoso estado das calzadas e beirarrúas, totalmente irregulares e desgastadas, que evidencian a provisionalidade das obras facendo das mesmas un mero parcheo sen futuro algún, posto que a masa asfáltica está sendo levantada en curto prazo de tempo co paso de vehículos.
Se a iso se lle suma a inclinación que ten a rúa Verxeles, o resultado é unha problemática na accesibilidade que están a padecer a veciñanza que, debido ao avanzado estado de deterioro, supón un auténtico perigo tanto para @s usuari@s que circulan por elas para acceder ás súas residencias e garaxes (xa que o desgaste do solo conleva que os vehículos rasquen os fondos ao acceder ao interior), como para a veciñanza que se ve obrigada a transitar polas mesmas diariamente.
O BNG de Viveiro considera prioritaria a rehabilitación das rúas de Verxeles, xa que falamos de rúas que son intransitábeis por persoas con mobilidade reducida e/ou con discapacidade visual. Unha cuestión moi grave en pleno século XXI. Polo que agardamos que o equipo de goberno mostre a súa disposición a solventar esta situación coa mesma prioridade coa que creou a marca “Viveiro inclúe” no pasado mes de febreiro.
Por todo o anteriormente exposto, o grupo municipal do BNG solicita ao pleno da corporación local a adopción do seguinte ACORDO:
1. Que o Goberno Municipal reclame ao organismo competente á realización dun estudo para a rehabilitación integral (calzadas, beirarrúas, aparcamentos…) das seguintes rúas municipais:
Rúa Verxeles
Camiño real
Rúa Vello
Travesía Verxeles
2. Búsqueda de recursos económicos a través de liñas de axudas e da colaboración e cooperación doutras administracións públicas, para plans e actuacións que melloren a accesibilidade e mobilidade das citadas rúas, e para a súa rehabilitación.