A deputada parlamentaria Olalla Rodil trasladará ao Hórreo a demanda que lle trasladaron representantes municipais da formación nacionalista destes concellos, que suman preto de 10.400 habitantes dispersos nunha área territorial de 630 quilómetros cadrados.
No caso do servizo de pediatría, unha única profesional atende aos nenos dos seis concellos, desde os centros de saúde de Meira, no que está tres días a semana, e A Pastoriza, onde atende os outros dous.
Rodil expuxo que “en moitas ocasións, cando a persoa titular da praza colle unha baixa ou exerce algúns dos seus dereitos laborais non é substituída por outra persoa e obrígase a eses nenos e nenas a seren atendidos nos centros de cabeira ou a desprazarse ata Vilalba, ou directamente ao Hula”. Así, avanzou que “desde o Bng solicitaremos que os centros de saúde de Meira e Pastoriza conten con pediatra a tempo completo para que os nenos e nenas teñan a atención especializada que necesitan e á que teñen dereito”.
No tocante ao Punto de Atención Continuada (Pac), a parlamentaria nacionalista subliñou que “a necesidade de reforzar o servizo, que queda ao descuberto cando os profesionais teñen que desprazarse para urxencias ou atencións a domicilio xa que o centro de saúde cun único equipo que dá cobertura a unha área territorial de 630 quilómetro”, desde Castroverde ata Asturies. Rodil indicou que “o Pac necesita durante a semana e os sábados con alomenos dous equipos completos, como ocorre en domingos e festivos”.
Na últimas semanas, o Sergas recuou na decisión de reducir o servizo a un único equipo tamén en domingos e festivos , como denunciaran os propios profesionais do centro de saúde a través dun cartel informativo.
“Desde o Bng estamos convencidas de que o que necesitan os concellos do rural é reforzar os servizos públicos, para fixar poboación e frear na medida do posible o despoboamento”, concluíu Rodil