Desde a organización nacionalista afean ao goberno do Psoe que, a escaso mes e medio do remate do ano, os grupos políticos da corporación de Viveiro no teñan noticia algunha de cal é o proxecto de orzamento municipal para o 2021 do goberno local que dirixe María Loureiro.
A portavoz do BNG, Miriam Bermúdez, demanda que para o 2021 o concello estude a posibilidade da bonificación da recollida de lixo nun 50% , a exención das taxas do uso da vía pública para a instalación de terrazas e a rebaixa do IBI dos alugueiros de locais comerciais, e reclama que as futuras liñas de axuda dirixidas aos sectores afectados pola crise da covid, que ven anunciando a rexidora municipal na prensa local, desde hai meses, pero que ninguén sabe nada delas, sexan negociadas co tecido económico e empresarial de Viveiro, tal é como xa propuxeron meses atrás @s nacionalistas, para que a futura convocatoria de axudas directas que se poñan en marcha desde o concello atenda á realidade das súas necesidades e non deixe atrás a ninguén, como así sucedeu co actual fracasado Plan municipal de reactivación económica local. Destaca tamén a portavoz nacionalista, as ventaxas e a axuda que suporía para as familias e empresas viveirenses dispoñer dun Plan Tributario Municipal Personalizado, pero que se nega a poñer en marcha o goberno socialista, no que se podería establecer unha bonificación na cota íntegra dos impostos municipais e ao que poderían adherirse de xeito voluntario, as veciñas e veciños que o desexaran, sen ningún tipo de interese e cunha bonificación do 3% sobre a cota tributaria. Un plan de pagos individualizado que lles facilitaría às familias e empresas o pago dos seus impostos atendendo a súa economía e liquidez, podendo elexir o pago mensual, bimestral, trimestral, semestral ou anual dos seus tributos municipais.
Finalmente a portavoz municipal do BNG fai un chamamento ao Goberno e á Alcaldía, para que se senten a negociar canto antes o Orzamento 2021 coa veciñanza de Viveiro representada polos grupos políticos da corporacion, e co tecido económico, sociocultural, veciñal e deportivo para consensuar un plan de rescate da actividade empresarial, comercial e social de cara a contribuír, en coordinación coas administracións autonómica e estatal, ao rescate das familias e á reactivación da economía local.