Site icon Crónica3.com A Mariña

O Alcalde de Foz retoma a actividade pola situación da pandemia en Galicia

 Foz, 5 de novembro de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, interrompeu a súa semana de descanso e retomou a actividade no municipio tras o anuncio na data de onte do presidente da Xunta de novas medidas para frear o avance da expansión do Covid-19.
A alcaldesa en funcións, Inés López Couto, e Fran Cajoto mantiveron unha xuntanza hoxe para analizar as novas medidas dispostas pola Xunta de Galicia no DOG desta pasada noite.
Inés López explica que “mantéñense as actividades programadas ata o de agora. En concreto, a función de teatro infantil Carapuchiña Vermella, que esgotou ás entradas para este sábado á tarde. Cremos de vital importancia manter a actividade cultural no pobo para que os veciños continúen visitándoo e consumindo no comercio local.”
Fran Cajoto recorda que “a principal prioridade do Concello é a saúde de tódalas veciñas e veciños. Sen embargo, hai que lembrar, que estas restricións están causando unha grave crise ao tecido empresarial, comercio e hostalería locais; por iso son tan importantes campañas coma a que a FCAM acaba de poñer en marcha. Pídovos a todos que este ano, máis que nunca, sexamos solidarios cos nosos veciños autónomos e fagamos todas as compras (especialmente as de Nadal) nas tendas do noso concello.”
Dende o Concello queren lanzar unha mensaxe de tranquilidade e ánimo á poboación focense. A alcaldesa en funcións manifesta: “temos que ser cautos e actuar coa máxima dilixencia. Vamos seguir traballando para impulsar novas campañas e actuacións que, con todas as medidas de seguridade e hixiene anticovid, fagan que o noso pobo poida seguir adiante co traballo de todos xuntos.”

Exit mobile version