“Agora estamos en nivel laranxa por Covid no concello de Foz, con entre 14 e 21 casos, aínda non estamos en vermello, pero estamos fondamente preocupados, tanto pola situación sanitaria, porque evidentemente sabemos as consecuencias que pode chegar a ter unha infección por Covid, como pola repercusión económica. O concello veciño de Burela está coa hostalería pechada, coas perdas que iso conleva, durante varias semanas. Iso é o que non queremos para Foz”, explica o rexedor municipal.
Por iso Fran Cajoto pide “a todas e a todos que extremen as precaucións e que na nosa vida privada, no noso comportamento individual, sexamos o máis responsables posible. Hai que evitar xuntanzas con non conviventes nos pisos, non se debe facer ningún tipo de festa privada. Sabemos que hai prácticas que conlevan contaxios e isto ao final ocasiona peches de negocios e perdas económicas moi graves”.
O alcalde de Foz engade: “queremos pasar un Nadal o máis tranquilo posible e que na próxima ponte de decembro os nosos comercios e a hostalería poidan funcionar con normalidade. E iso depende de todas e de todos nós. Por iso pido responsabilidade, compromiso individual e o esforzo de todos. Non podemos baixar a garda en ningún momento, debemos extremar as precaucións”.
Ademais Cajoto considera que “ante unhas datas nas que aumentan as compras temos que evitar as plataformas dixitais e apostar polo comercio local, polas compras a pé de rúa, aos nosos veciños. Iso, aparte de mercar nas tendas de barrio, implica tamén unha actuación responsable na nosa vida individual para que non se vexan abocados a pechar as súas portas por unha onda de contaxios no noso concello. Así que responsabilidade e compromiso de todos”.