O rexedor burelés dixo que a xuntanza de hoxe era moi agardada e explicou que “esta reunión foi máis ben informativa. Estábamos nesa vídeo conferencia as autoridades sanitarias e os Concellos de Lugo, Monforte, Viveiro e Burela. Hai que dicir que hoxe en Burela temos 41 positivos, que son moitos con respecto ao que había a semana pasada, porque houbo os contaxiados do barco e outros vinculados a unha unidade do 061. Pero tamén hai que dicir que deses 41 hai algúns a piques de rematar a corentena. Agora mesmo estamos no nivel vermello, pero se todo vai ben en pouco tempo penso que estaremos no amarelo”.
Alfredo Llano contou que “coincidimos practicamente todos en buscar un método que nos permita o equilibrio entre a seguridade sanitaria e a actividade socioeconómica. Agora en Burela temos unhas restricións de mobilidade, co peche perimetral, e eu expuxen na reunión que iso non serve de nada para impedir os contaxios porque aquí hai unha permeabilidade total. Aquí entran e saen máis de mil persoas a diario porque temos o porto, o hospital, os colexios e outras circunstancias que obrigan vir traballar e saír traballar a outros concellos a moitísima xente. Polo tanto, creo que sería bo que se permitira a mobilidade salvo que haxa un confinamento individual domiciliario como en marzo”.
O alcalde seguiu a relatar que “outra proposta que tamén fixen é buscar un xeito para que a restauración tivese un horario suficiente para atender e dar servizo, por exemplo que empezaran ás oito da mañá e remataran ás seis ou sete da tarde. Porque temos a experiencia do que ocorreu en Burela no mes de xullo, que aínda que estábamos co peche perimetral tíñamos actividade socioeconómica. Agora por exemplo pídese o café para levar e despois a xente acumúlase noutros lugares para tomalo. As terrazas trasládanse a eses espazos públicos e iso non pode ser. Así que será mellor volver tomar o café nos establecementos hostaleiros. Habería menos horario e menos aforo, pero polo menos habería actividade”.
Alfredo Llano engadiu que “trasladamos estas peticións dos Concellos de Lugo, Monforte, Viveiro e Burela. Mañá reúnese o comité clínico e van falar dos temas que nosoutros lle plantexamos. Se é posible a ver se imos acadando ese equilibrio que é o único que nos debe preocupar cara ao futuro porque penso que é necesario atopalo e exercelo, estando todo o mundo de acordo e cumprindo os protocolos que nos leven a atallar dunha vez esta pandemia do coronavirus”.