Alfredo Llano dixo que “nos atopamos de novo nunha situación de alerta vermella. Fundamentalmente esta suba de contaxiados débese practicamente a unha soa causa, que é a chegada dun barco que traía unha xente contaxiada co coronavirus e polo tanto agora mesmo están en cuarentena no noso porto. É unha tripulación abundante, son 17 persoas que están todas elas dalgunha maneira afectadas, así que está facéndose o seguimento”.
O alcalde explicou que “este número importante de afectados evidentemente fan que volvamos recuperar a alerta vermella, aínda que tivéramos dez e estivéramos xa no verde con moi pouca xente, 17 máis un número de catro xa sería suficiente par volver acadar este número. O que ocorre é que está todo concentrado no porto, están todos confinados no barco, así que a ver se computan ou non para o xeral de Burela. Entendo que estaríamos xa no nivel amarelo ou laranxa, pero nunca no vermello”.
O rexedor comentou que “mañá imos ter unha reunión cos responsables sanitarios, que xa botábamos en falta porque en xullo, cando tíñamos aquela cantidade de contaxiados na Mariña e concretamente en Burela, mantiñamos todos os días unha vídeo conferencia onde tratábamos en conxunto os temas e éramos informados polas autoridades sanitarias, as locais e do propio Hospital. Penso que traballamos ben en conxunto e deu un resultado excelente. Polo tanto notábase de falta que non tivéramos esas reunións agora cos casos que estamos tendo. Mañá, ás dez e media da mañá, imos ter unha reunión, a primeira en dez ou doce días, que ven abrir un pouco máis o campo e dar máis importancia á relación e á colaboración institucional”.
O alcalde burelés engadiu que “na reunión de mañá imos solicitar varias cousas. Imos tratar como se pode ver o caso concreto de Burela no aspecto da mobilidade, por que nos parece que xa se deberan permitir as saídas e entradas a Burela. Vemos que a única maneira de que isto funcionase ben é cun confinamento individualizado, cada un nas súas casas, porque agora hai unha permeabilidade absoluta, aquí están saíndo e entrando máis de mil persoas diarias e evidentemente non ten un resultado, polo tanto favorecer xa que, se non hai unha situación máis preocupante, que se permita a mobilidade para saír e entrar no concello de Burela. Outra cousa que imos plantexar é ver como podemos combinar ben a seguridade sanitaria coa actividade socioeconómica. Imos procurar ver como podemos arbitrar medidas para, utilizando a imaxinación, buscar solucións que permitan este equilibrio. Imos tratar de enfocar ben o tema para entre todos lograr resultados positivos”.