Mondoñedo, 17 de novembro de 2020. O pleno da corporación municipal mindoniense aprobará mañá o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía do Concello de Mondoñedo. O custe da elaboración do citado plan, pola arquitecta Gloria Trigo Mayor, foi de 4.000 euros; foi cuberto na súa totalidade cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente. O citado plan é unha das consecuencias da adhesión do Concello de Mondoñedo en 2019 ao pacto dos alcaldes para alcanzar determinados obxectivos en materia de clima e enerxía, polo que as cidades asinantes se comprometen a respaldar a implantación do obxectivo europeo de reducir os gases de efecto invernadoiro nun 40% en 2030 e a adopción dun enfoque común para o impulso da mitigación e a adaptación ao cambio climático.
No Concello de Mondoñedo os sectores elixidos nos que se actuará son aqueles nos que o Concello ten a posibilidade de aplicación plena, por afectar aos seus propios recursos, isto é, edificios, instalacións e vehículos municipais. Así, a rede de iluminación foi mellorando en eficiencia nos últimos anos a través da realización de varios proxectos de substitución de lámpadas e implantación de sistemas de aforro de enerxía, actuando xa nestes momentos nun 37% dos puntos de luz. Ademais existe xa nestes momentos varios proxectos presentados ao IDAE para a mellora da eficiencia das iluminacións da vila de Mondoñedo, incluíndo a iluminación da catedral que van dar un envorco ao funcionamento da maior parte das instalacións de iluminación cun importante aforro de consumo eléctrico e por tanto de emisións de CO2. Tamén iniciou o cambio a unha produción de calor a través de enerxía limpa, mediante a utilización de caldeiras de biomasa que estenderá a unha gran cantidade de edificios municipais substituíndo o alto custo de produción de CO2 das caldeiras de gasóleo polo custo cero das caldeiras de biomasa.
Por outro lado, segundo se indica no plan, a oportunidade do paso do gasoduto polo termo municipal será aproveitada polo Concello para traballar na distribución da rede de gas aos fogares, empresas e edificios municipais, o que propiciará cun custo baixo a substitución dos queimadores de gasóleo por queimadores de gas máis eficientes e con menor produción de gases de efecto invernadoiro. O paso do gasoduto tamén propiciará o establecemento de industrias de produción de gas a partir dos residuos tales como plantas de biogás como de produción de hidróxeno a partir da auga. En canto aos edificios municipais, segundo se sinala no plan, ademais das actuacións no cambio do sistema de produción de enerxía actuará na eficiencia enerxética das súas instalacións de iluminación. Neste sentido hai que indica que o Concello traballa xa por medio do plan Ilumina da Deputación Provincial para conseguir este obxectivo pero seguirá traballando ata conseguir a redución posible de todos os edificios municipais. Tamén se compromete a mellorar a envolvente térmica dos seus edificios o que redundará nunha redución da demanda enerxética o que implica redución do custo económico ademais de redución de produción de CO2.
Tamén están previstas accións no campo da mobilidade mediante a aplicación de políticas de fomento real da utilización do coche eléctrico, aplicando medidas tales como a instalación de electrogasolineras, que xa é unha realidade, a redución de impostos municipais e o asesoramento directo e información á poboación para a súa adquisición. En canto á mobilidade, segundo recolle o plan, o Concello de Mondoñedo xa realizou medidas nos últimos anos en canto ao fomento da mobilidade peonil na vila a partir de actuacións de peonalización e de construción de aparcamentos disuasorios no interior que provocan que o visitante deixe o coche e percorra o casco andando, protexendo aos peóns e evitando unha cantidade considerable de contaminación. Pero esta senda que iniciou non quedará aquí. Seguirá traballando nesta liña promovendo roteiros ciclistas, actividades saudables para que os mindonienses aprecien a peonalización ou os percorridos en bicicleta como unha oportunidade de mellorar a súa saúde.
Tamén traballará, segundo se sinala no plan, na liña de promover o transporte compartido, ben a través da utilización do transporte público ( bus escolar, bus interurbano, taxi compartido) como do transporte privado e o fomento do comercio en liña por medio da extensión da rede de fibra óptica ao municipio, labor esta en a que xa a traballado nos últimos anos con bos resultados de forma que compañías como Adamo xa teñen presenza importante no municipio. Tamén se compromete a levar a cabo campañas de información e sensibilización co fin de concienciar á poboación acerca da importancia de actuar xuntos contra as causas e efectos prexudiciais do cambio climático.
No mesmo plan indícase que en canto á xestión de residuos o Concello de Mondoñedo traballou duramente os últimos anos para apoiar proxectos de economía circular, empezando pola agricultura, co decidido apoio á posta en valor á utilización dos excedentes da horta mediante a creación dunha fábrica de conservas de froitas e hortalizas. Tamén traballou en importantes proxectos de economía verde que contribúen, por unha banda, á redución de emisións de gases de efecto invernadoiro como a creación de emprego asociado ( “emprego verde”) tales como unha planta de recuperación de hidróxeno a partir da auga que foi presentado aos proxectos “next generation”, programa da Unión Europea para a posta en valor de proxectos que incidan no crecemento sostible a partir de préstamos e subvencións para a súa posta en funcionamento. Este proxecto xa foi enviado ao Ministerio co fin de que sexa presentado á candidatura europea.
No mesmo plan indícase que tamén no tema de residuos o Concello seguirá traballando na implantación da recollida selectiva mediante a distribución de contedores específicos de composteiros, materia orgánica, vidro, etcétera, e a concienciación da poboación da necesidade da súa utilización. Tamén se compromete a utilizar nos centros del dependentes materiais de oficina reciclado tales como papel, cartón, cartuchos de tinta, e promover os seus uso por parte da poboación. Igualmente, no uso dos materiais reciclados tamén se compromete a fomentar o uso de materiais de construción procedentes da reciclaxe mediante a información á poboación e aos construtores da zona das posibilidades e beneficios da súa utilización.
Para todos estes proxectos o Concello de Mondoñedo está a traballar, sinálase no plan, activamente por medio da captación de fondos que fomenten esta economía verde tales como o programa europeo Next Generation para o que o Concello está a traballar con proxectos como unha planta de hidróxeno verde e proxectos de economía circular que teñan como base o aproveitamento de residuos orgánicos e tratamento de xurros.